Manel Monteagudo, o mariño que volveu dun mar de soños convertido en poeta

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / AXENCIA

NOIA

Acaba de publicar un libro de poesía e prosa e xa ten outros 15 comprometidos

25 sep 2021 . Actualizado ás 14:19 h.

A vida de Manel Monteagudo vén pode argumentar un interesante libro e, de feito, el mesmo sabe que é así, como puxo de manifesto na presentación do poemario De mariño a poeta, no acto de apertura de temporada de Barbantia que tivo por escenario as magníficas instalacións da Sociedade Liceo de Noia. Monteagudo anunciou que esta mesma semana firmou un contrato para sacar 15 poemarios nos vindeiros 15 anos, un por ano, e reserva para si poñer negro sobre branco os avatares da súa vida.

 Ao ritmo que leva este creador nado na parroquia de Cando, pero moi vinculado a Noia, vai romper todos os rexistros porque chegou á literatura no 2015, da man do volume Reflexións poéticas, autoeditado; seguiu con Camiño á lagoa dos bardos, no 2019; e Mar e vento e De mariño a poeta, neste 2021, e di que xa ten outros dez empezados, que formarán parte do compromiso acadado con Medulia.

 Si esta produción literaria xa é digna de análise, o desembarco na escrita do seu autor non o é menos, porque chegou no 2014, tras permanecer 35 anos en estado case vexetativo a consecuencia dun accidente laboral que sufriu cando tiña 22 anos, ao caer nun barco e golpearse a cabeza. Ata esa desgraza, Manel traballara de mariño, a onde chegou non sen as dificultades e esforzos que lle supuxo saír da súa aldea, dunha familia moi humilde, para ir gañarse a vida, a súa e a dos seus parentes.

Superar barreiras

O espertar de Manel levouno á poesía, xa que un ano despois, autoeditaba o seu primeiro libro, Reflexións poéticas. Acostumado a superara barreiras, a súa condición de lector en castelán non constituíu un obstáculo para que se atrevese a escribir en lingua galega, e os tres volumes posteriores están no idioma propio, no mesmo que van estar os outros 15 comprometidos.

 No acto de presentación, arroupado por María Xesús Blanco, vicepresidenta de Barbantia; Óscar Prego, presidente do Liceo de Noia; os escritores Antón Riveiro Coello e Xerardo Agrafoxo, e o alcalde da vila, Santiago Freire, Monteagudo, coa sinxeleza que o caracteriza, foi contando como o mar é a súa principal fonte de inspiración, como elixe a tranquilidade da noite para escribir, ata o punto de que en ocasións se concentra tanto que non se da conta da hora e teñen que ir buscalo a diante do ordenador para que vaia para a cama; como a base de mollar a cara supera a somnolencia que a veces lle provoca o medicamento que ten que tomar toda a súa vida a consecuencia do accidente; como as editoriais se ofrecen para publicar as súas obras; ou como xa ten planificada a publicación deses 15 poemarios comprometidos con Medulia para os vindeiros 15 anos, que poden significar unha herdanza para as súas fillas; e tamén como cada venres sube un microrrelato ás súas redes sociais como forma de manterse literariamente activo.

Relato vital

Monteagudo confesouse un apaixonado da poesía, pero xa empezou a preparar un gran relato, aquel que se centrará na súa vida, antes, durante e despois do accidente, con tal fin, a súa familia será fundamental para dar luz aos 35 anos que permaneceu navegando nun mar de soños do que saíu convertido en poeta: «Antes de escribir ese libro, quero que á xente lle soe quen é Monteagudo, e nisto poden axudarme as obras que xa estou publicando. O meu lema é sempre para diante. Do pasado non temos nada e o futuro é o noso todo», manifestou o poeta.

Antón Riveiro Coello destacou a progresión que se constata ao ler as obras de Monteagudo, cualificou de popular e para todos os públicos a súa poesía, matizando que non era unha consideración pexorativa porque é característica de grandes poetas galegos, como Rosalía. Subliñou do autor o respecto que ten con todos os escritores, e reclamou o mesmo respecto para el.

O acto tivo máis ingredientes artísticos, como a actuación da guitarrista local Claudia Fernández, na apertura e no peche; e a lectura de sendas poesías do libro que se presentaba, a cargo de María Xesús Blanco.

Intervencións

Nas intervencións anteriores, o presidente do Liceo deu a benvida a Barbantia e a todos os asistentes e remarcou que a sede da entidade está para apoiar a cultura, e mais nos tempos que corren. Declarou como motivo de festa a publicación dun libro. Deixou as portas abertas a futuros actos.

Riveiro Coello remarcou a grandiosidade do Liceo de Noia, unha entidade posiblemente única en Galicia, pola súa dimensión na masa social e instalacións, pero tamén pola súa capacidade para organizar certames literarios e publicar a prestixiosa revista Alameda. Fixo fincapé en que o suplemento A Voz de Barbantia acadaba o número 167 e agradeceu ao alcalde de Noia as facilidades que sempre pon para facilitar os actos de Barbantia.

 O alcalde de Noia, Santiago Freire, pechou o acto felicitando tanto ao Liceo como a Barbantia, pola aposta que fan a prol da cultura e por ceder as instalacións para o desenvolvemento de actividades, e manifestou que a vila sempre recibirá cos brazos abertos as manifestacións culturais da entidade.