O Noia Portus Apostoli xa sabe o que é golear ao Unión África Ceutí

NOIA

marcos creo

O equipo barbancés confirma as boas sensacións do arranque ligueiro e colócase líder provisional na Segunda División

18 sep 2021 . Actualizado ás 21:13 h.

Pinta moi ben o Noia Portus Apostoli do curso 2021-2022. O visto no arranque ligueiro fronte ao Alzira, confirmouno no seu debut en casa contra un Unión África Ceutí ao que non gañara nunca. Ata hoxe. O conxunto de Marlon Velasco foi unha trituradora. Cando se lanzou a por o partido creou perigo en todo momento, e cando pechou filas e meteuse atrás sacudiuse ao rival sen pestañear. O bo papel quedou reflectido no marcador. O 4-1 final mesmo quedou curto tras os 40 minutos.

Aínda que lle custou desequilibrar o electrónico, o 1-0 de Chus antollouse determinante. Unha vez liquidada a presión de facer o primeiro tanto en casa, o Noia golpeou como un martelo. Roubou arriba, mostrouse contundente en defensa e viu portería con claridade. Deixouno claro Chus no minuto 15 para calcar a xogada do primeiro tanto e facer o 2-0 con outro zurdazo á escuadra.

O gol foi unha laxa para os ceutíes, incapaces de sobreporse desa presión a campo aberto que tan ben realizan os equipos de Marlon Velasco. Sen fluidez atrás, Dani Cabezón intentou xogar en longo, pero tantas Palmas como Raggiati foron dous bastións que achicaron todos problemas. Domingo Asensio encargouse de desbaratar con boas paradas o resto de xogadas que non lograba sacar a defensa.

Da man do arxentino, irrecoñecible este curso, chegou o 3-0. Power recibiu desde a esquina e picou o balón para envialo á rede. Outro gol dun xogador que, de seguir así, non tardará en acabar competindo en Primeira División.

Segundo tempo

Despois de pasar por vestiarios, o África Ceutí tratou de meter unha marcha máis para entrar de cheo no encontro. Non lle abondou. Co Noia moi fino no quite, a sentenza chegou no 27 tras un roubo de Raggiati que aproveitou Jabá para facer o 4-0.

Co duelo practicamente sentenciado, Everton asinou o tanto da honra para un Unión África Ceutí que xa sabe o que é perder contra un Noia Portus Apostoli que se coloca líder.

Ficha técnica

Noia: Domingo Asensio, Palmas, Chus, Altamirano e Pirata -quinteto inicial- Edu Jabá, Rangel, Nil Closas, Bruno Gomes, Joaki e Raggiati

Unión África Ceutí: Dani Cabezón, Manu Orellana, Everton, Smail e Sufian -quinteto inicial- Monchito, Anuar, Barbeiro, Hugo Alonso e Abraham

Goles: 1-0, minuto 14: Chus; 2-0, minuto 15: Chus; 3-0, minuto 17: Raggiati; 4-0, minuto 27: Edu Jabá; 4-1, minuto 40: Everton

Árbitros: Darriba Villamor e García Schmitt. Amoestaron polo Noia a Marlon Velasco, Raggiati, Nil Closas, Rangel e Pirata. Monchito e Barbeiro tamén viron a cartolina amarela.