O BNG denuncia que o goberno de Noia non corrixe as deficiencias en materia saneamento

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Ricardo Suárez y Rosana Pérez presentaron las conclusiones que se extraen del plan director de saneamiento de Noia
Ricardo Suárez e Rosana Pérez presentaron as conclusións que se extraen do plan director de saneamento de Noia CEDIDA

Os nacionalistas indican que se está volvendo «aos problemáticos niveis de depuración de augas de tempos pasados»

02 ago 2021 . Actualizado ás 17:24 h.

A deputada do BNG no Parlamento galego Rosana Pérez e o portavoz dos nacionalistas en Noia , Ricardo Suárez, mostraron este luns a súa preocupación polas carencias do municipio en materia de saneamento. Denuncian que desde a chegada do PP ao executivo local «as deficiencias de mantemento, cando non o abandono, das novas infraestruturas de bombeo» repercute en que a melloría rexistrada desde o 2013 vaia a reverterse, como recolle o plan director do saneamento de Noia. Así, Ricardo Suárez destacou que «o actual goberno ten provocado co seu abandono da rede de saneamento que esteamos volvendo aos problemáticos niveis de depuración de augas de tempos pasados».

Os nacionalistas indicaron que o plan director de saneamento reflicte que as faltas de conexión á rede, «en termos de poboación servida, supoñen o vertido directo do equivalente a 4.100 habitantes, ademais de xerarse o vertido directo da totalidade do polígono industrial de Augalevada». Rosana Pérez recriminou ao executivo noiés que «non traballe man a man coa Xunta para facer chegar o saneamento á totalidade do municipio e que se manteña impasible diante da ausencia dunha depuración efectiva das augas que proveñen do polígono».

No BNG sinalan que o pleno chegou a un acordo unánime o pasado mes de novembro para que unha vez se finalizase o plan director mantivésese unha reunión cos redactores do proxecto na que tamén participasen os diferentes partidos políticos, así como os sectores directamente interesados da sociedade civil. «A pesar de que o plan director foi entregado o pasado mes de febreiro, non houbo ocasión en medio ano para facer ningunha reunión sobre esta problemática. Isto é unha mostra máis da pasividade do executvio local diante do maior dos problemas municipais», comentou Suárez.

Para finalizar, Pérez destacou que «o BNG non vai permitir que esta situación, que afecta a miles de persoas que viven da produción da ría de Noia siga sen solución». Así, anunciou que a formación nacionalista fará «unha análise pormenorizada da situación para levar a cabo propostas concretas a partir do mes de setembro».