Cáritas de Noia abre o primeiro economato solidario dunha entidade parroquial na Diocese de Santiago

NOIA

Os beneficiarios disporán de vales para solicitar os produtos que necesiten

29 jul 2021 . Actualizado ás 17:04 h.

Cáritas de Noia puxo en marcha o primeiro economato solidario aberto na diocese de Santiago de Compostela por unha entidade de carácter parroquial. O presidente da organización no municipio, Juan Carlos Pérez, definiuno como un novo concepto para atender aos máis desfavorecidos «dun xeito máis próximo e co propósito de conseguir dignificar a caridade».

Emprazado nun baixo do dique de Gasset, a súa apertura é o resultado dun ano de traballo no que a ONG contou co apoio económico de Cáritas Diocesana, a achega anual do Concello, moitas outras de carácter particular e de colectivos como a asociación de empresarios do polígono industrial de Noia. Ademais, Juan Carlos Pérez resaltou que as empresas que fixeron posible o acondicionamento do local e o seu equipamento traballaron a prezo de custo.

A estrea oficial tivo lugar a última hora da tarde do mércores, nun acto no que o arcebispo de Santiago Julián Barrio, encargouse da bendición e ao que, ademais de integrantes de Cáritas e veciños acudiron o alcalde, Santiago Freire, e outros membros da corporación municipal.

A apertura do economato suporá un cambio na atención aos beneficiarios. Ata agora, Cáritas entregáballes de forma periódica os produtos que consideraba que podían necesitar. Coa súa posta en marcha, serán os usuarios quen demanden o que precisan.

Para iso, recibirán mensualmente uns vales de compra, con importes axustados ás características de cada familia. Eles decidirán que lles fai falta e demandarano entregando o vale.

Produtos perecedoiros

O servizo está perfectamente equipado e conta con cámaras frigoríficas. Isto permite a Cáritas de Noia dispor de produtos perecedoiros refrigerados e conxelados, co que os usuarios dispoñen dunha maior diversidade de produtos para levar ás súas casas.

Outra vantaxe é que tamén se procurará que o servizo conte con artigos de aseo, hixiene e outros elementos diarios que son precisos.

Abastecerase co que a entidade consegue de doazóns particulares, do banco de alimentos e das compras que realiza cos seus fondos. O obxectivo é proporcionar aos beneficiarios todo aquilo que lles faga falta.