Marlon Velasco, técnico do Noia Portus Apostoli: «Prefería o primeiro partido en casa»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Os barbanceses arrincan a fase de ascenso a Primeira División ante El Ejido

08 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O momento máis importante da súa historia chegou. O Noia Portus Apostoli arrincará hoxe, ás 18.00, a fase a Primeira División. Será no feudo dun El Ejido que recibe ao campión da tempada regular coa intención de envialo á lona. Sábeo Marlon Velasco, que chega con todo o bloque a punto e con ganas de seguir logrando fitos. Poucos terían apostado por eles a principio do curso; poucos quererían telos agora en fronte.

-Que tal chega o equipo?

-Ben, ben, nun bo momento. Vimos dun refacho de seis partidos gañados e no aspecto físico estamos ben. Os 14 xogadores están dispoñibles e ilusionados. É unha oportunidade histórica para o club.

-Acabaron primeiros a tempada regular. Séntense favoritos?

-Non, para nada. Esta foi unha Segunda División moi igualada. A pesar de que nós fomos regulares, logramos poucas vitorias folgadas. Dos catro que imos pelexar o ascenso non che podería dicir cal é a priori mellor equipo porque o nivel é moi parello. Todos temos puntos fortes. Iso si, agárdome a grandes rivais. Ao ter acabado a tempada regular como primeiros si que nos poden dar por favoritos, pero nada máis preto da realidade. Contra o Ceuta non puidemos vencer, fronte ao Manzanares perdemos e ao Exido gañámoslle 3-4 e sufrindo. No último partido derrotámoslles 5-0, pero xa estaban clasificados. Non é un resultado que poidamos REVISAR usar como referencia.

-A clave nesta recta final cal cre que é?

-O primeiro partido. Ten vantaxe o que o xoga en casa. Porque despois a presión é para nós, que temos que gañar os dous choques seguidos en Noia. É un agasallo envelenado. Prefería o primeiro partido en casa e non os dous seguidos aquí. Está claro que en Noia só perdemos unha vez en dúas tempadas. Temos que ser fortes en casa. El Ejido é un bo equipo, ten a dous dos xogadores máis diferenciais da liga.

-E como ve ao seu persoal?

-Ben, esta tempada habemos ir partido a partido. Sentímonos uns privilexiados porque ninguén sabía se nalgún momento nos podían mandar para casa, suspendían a liga e tiñamos que deixar de adestrar. Gozamos cada choque e imos seguir igual. Nos focalizamos neste partido, que é o importante.

-Han ir queimando etapas.

-Queremos facer o mesmo, Para que imos cambiar agora? Somos ambiciosos e queremos gañar alí, ese é a mensaxe do vestiario. A xente está mentalizada, pero como calquera outra semana. Temos un equipo traballador, comprometido, para o meu é unha semana calquera, pero non queremos tirar esta oportunidade.

-Vese ascendendo?

-Véxome superando a primeira eliminatoria e xogando este playoff . A miña ambición e a do equipo é superar a este gran rival que nos tocou. Non chegamos aquí só para gozalo. O que facemos é para gañar, queremos máis, derrotar ao El Ejido e chegar ao segundo partido da fase cunha vitoria.

-E farano con público.

-Se, alí xa haberá. Creo que poderán entrar 200 afeccionados, pero despois de tanto tempo sen público, só 50 persoas xa parecen 2.000, pero é bo para todos. Ao xogador motívalle que lle digan cousas, que lle aperten... O ambiente sen público é frío. É necesario que os afeccionados volvan aos pavillóns.

-Nótoo moi tranquilo.

-Cando chega o partido póñome máis nervioso. Quero gañar sempre, pero non temos e non sentimos esa presión de estar obrigados a gañar si ou si. Conseguimos moitas cousas esta tempada sen que fosen o noso obxectivo. Pero bo, que o primeiro non ascenda é de traca. Se ao final o conseguimos é porque nolo gañamos tres veces, porque quedamos primeiros, porque gañamos a El Ejido e despois tamén ao outro finalista. De que serviu quedar primeiros? Agora empezamos todos de cero.

-Como se organizou a liga este ano, cre que non lles favoreceu? Dicían que o seu grupo era o doado.

-Fomos os mellores nos dous grupos. Nesta fase de ascenso hai dous equipos de cada división, e descenderon dous conxuntos de cada unha tamén. O que foi realmente importante é que tivemos dous meses e medio de pretemporada. Outros clubs aforráronse ese diñeiro, pero aquí o club apostou polo equipo e seguimos traballando. Tivemos 12 semanas de pretemporada, e cando chega xente nova é moi importante. Tamén houbo sorte porque non tivemos ningún caso de covid. E agardo que non cheguen agora. Non sufrimos paróns, saímos beneficiados porque viaxamos cando nos tocaba facelo sen problema. Niso si tivemos moita sorte, pero non rematamos.