A bonificación na taxa polas terrazas de hostalería de Noia prorrogarase ao 2021

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O pleno tamén deu verde a regulación das axudas de urxencia social

27 novs 2020 . Actualizado ás 17:58 h.

Non houbo discusión sobre a necesidade de apoiar na medida do posible aos sectores económicos máis afectados pola pandemia, así que a corporación de Noia aprobou por unanimidade unha modificación da ordenanza da taxa polas terrazas de hostalería que inclúe a prórroga da bonificación no pagamento.

Tras o acordo adoptado no pleno celebrado a última hora do xoves, os recibos por este concepto experimentarán unha redución do 95 % tamén o próximo ano. Todos os grupos coincidiron na necesidade de favorecer a actividade da hostalería mentres dure a pandemia, aínda que por parte da oposición apuntouse á conveniencia de ampliar as medidas para paliar os efectos do covid a outros sectores, como o comercio.

Outro dos asuntos que saíu adiante por unanimidade foi a regulación das axudas económicas de apoio á inserción social, unha medida que ten como obxectivo flexibilizar os criterios para acceder a elas e axilizar a tramitación destes recursos para que cheguen ao maior número de persoas posible.

Tamén se aprobou co voto favorable de todos os grupos a modificación da ordenanza que regula a taxa da piscina municipal, que entres outras cuestións inclúe a exención do pagamento da matrícula para aqueles abonados que se desen de baixa por mor da crise sanitaria.