Luz desde Noia á obra de Álvaro de las Casas

M. X. B. RIBEIRA

NOIA

marcos creo

Xavier Castro vén de publicar un ensaio sobre Pancho de Rábade, a terceira obra do escritor na que se mergulla

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A vinculación que no pasado Álvaro de las Casas tivo con Noia, onde exerceu como director do instituto entre o 1930 e o 1936, levou ao profesor local Xavier Castro a mergullarse na súa obra e a tratar de arroxar luz sobre ela. Influíu tamén na elección desta liña de traballo o feito de que existan varios textos deste autor que nunca foron reeditados. Primeiro apostou por Matria, despois por Rechouchío e agora vén de sacar á luz un ensaio sobre Pancho de Rábade, unha pequena peza teatral que narra a historia dun afiador que, despois de percorrer España e o norte de África, regresa ao lugar de orixe para criticar o desprezo dos galegos cara o seu idioma e tradicións.

Trátase, ademais, da primeira peza que a compañía Candea puxo en escena baixo a dirección do gran Pepe Agrelo despois da etapa franquista. É un texto que, segundo o propio Xavier Castro, segue a estar de actualidade aínda que foi publicado no 1931: «Álvaro de las Casas fala nesta obra de cuestións que persisten hoxe en día, como a desgaleguización, a situación do galego con respecto ao castelán ou o escaso emprego galego no ensino».

Para recuperar este texto, o profesor noiés elaborou un volume que contén cinco partes. A primeira é un viaxe pola vida e obra de Álvaro de las Casas e a segunda está dedicada ao mundo dos afiadores.

Escolma de noticias

Na terceira parte, Xavier Castro recolle unha selección de noticias publicadas pola prensa entre 1930 e 1960 sobre Pancho de Rábade; sobre o grupo Brais Pinto, ao que lle deu nome un afiador de Ourense; e sobre o barallete, a lingua que usaban os afiadores e que só eles entendían.

O estudo da obra, no que o mestre destaca eses temas que seguen a estar de actualidade, e a reprodución do texto completan o libro.

Aínda que quedan máis obras de Álvaro de las Casas por ver a luz, Xavier Castro está agora mergullado nunha investigación dun libro sobre a emigración.