O Noia FS pagou con tres puntos os erros ante o Antequera

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CEDIDA

Os de Marlon Velasco acabaron cedendo un encontro a domicilio (4-2) que comezaron gañando e no que tiveron opcións ata o final

07 dic 2019 . Actualizado ás 20:37 h.

O Noia FS deixouse tres puntos no que, nos primeiros compases, parecía un choque a domicilio que levarían de rúa ante o BeSoccer CD UMA Antequera, pero o líder da categoría logrou imporse na Cidade dos Dólmenes (4-2). Os de Marlon Velasco comezaron adiantándose no marcador e manterse na loita durante a maior parte do duelo, mais unha serie de erros acabaron botando o traballo por terra.

Tras varios intentos dos locais, foron os noieses os que abriron a lata no municipal Fernando Argüelles, o minuto 8 grazas a un xenial Dani Colorado que bateu a Cone para fusilar a pracer. Ao instante contestou Álex Fuentes , roubando a bóla na zona perigosa do campo e levándose o man a man ante o cérbero visitante. Con grandes oportunidades para o Noia, sen fortuna nas mallas, finalizaba a primeira parte.

Buscar a remontada

Os noieses saíron lanzados, pero foi Fuentes quen volveu adiantar ao Antequera no 29. Sen baixar os brazos, un xenial Antonio Diz deixoulla en bandexa a Pablo Salgado para pór as táboas. A punto estivo Pizarro de darlle a volta ao choque, obrigando a Cone ao paradón. Nando si tivo acerto fabricando o terceiro no 33. Xa xogándollo todo ao porteiro xogador, un erro entregoulle o cuarto gol a Miguel.