«Paga a pena o risco e vivir lonxe da familia»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Fala do mar como a súa verdadeira escola, unha forma de aprendizaxe que o fixo medrar como persoa

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Moitos din que non hai mellor escola cá da vida. José Manuel Castro comparte esta teoría. O mar foi o seu centro formativo. A bordo do barco e nos países que foi coñecendo nas súas longas travesías adquiriu coñecementos e experiencias que nunca tería se cando contaba con pouco máis de 20 anos non decidira buscar fortuna como mariñeiro. «Daquela a xente do mar tiña unha calidade de vida que non conseguían os que traballaban en terra, gañábanse moitos cartos», apunta. El quixo probar sorte e atopouna, aínda que recoñece que o mellor salario foi o das aventuras vividas, tantas que incluso foron o xermolo dalgunhas das súas novelas.

Enrolado en buques mercantes, este veciño de Noia percorreu practicamente todo o mundo, fundamentalmente as costas de África e de América do Sur. Non oculta que estar lonxe da casa e asumir os perigos que agocha o xigante azul resultaban rendibles a nivel económico: «Si que se gañaba ben. Estiven un tempo traballando como electricista para unha compañía peruana, exercendo de primeiro oficial, e cobraba en dólares, uns 1.800 ou 2.000 ao mes. Era unha animalada a finais da década dos 80».

Rozando a morte

Queda co bo do oficio, aínda que tamén ten na retina o medo que viviu nalgunha que outra ocasión, cando a fortuna lle axudou a esquivar a morte. Lembra especialmente un accidente que ocorreu cando o barco no que traballaba estaba entrando no peirao de Róterdam. O buque transportaba seis millóns de litros de propileno, un gas inflamable: «Eu estaba na sala de máquinas seguindo a manobra cando sentín un grande impacto contra o casco do barco, que empezou a escorar». Relata que o causante do suceso foi un buque inglés que saía do peirao sen práctico, e cuxa tripulación estaba borracha: «O encargado do temón despistouse e levounos 40 metros de casco». Por fortuna, entre a armazón da nave e os depósitos de gas había o espazo suficiente para que estes non resultaran afectados: «Se chega a haber unha explosión, non quedaría nada en cinco quilómetros á redonda».

Polos mares do mundo tamén comprobou o perigoso baile que provocan as ondas, cando acadan unha altura por riba dos 20 metros: «Teño visto a compañeiros chorar coma Magdalenas polo medo que tiñan, pero iso a min non me afectaba tanto».

Sen dúbida, daquela vida queda coa parte positiva: «Teño moitos máis recordos felices ca tristes, sobre todo vinculados con toda a xente que coñecín e cos lugares polos que pasei, sitios que xamais pensei que podían existir e que deixaron unha pegada fonda en min». Lembra cun cariño especial recunchos e persoas do Perú: «Decateime de que estaba equivocado coa imaxe que tiña do lugar, porque as persoas coas que me crucei eran moi educadas e agradables». Da súa experiencia no Perú, das historias que alí escoitou, naceu Ou lago, que foi a primeira novela que José Manuel Castro conseguiu publicar. Logo chegaría A sombra do pasado, outra obra de ficción baseada no afundimento do barco O Isla na costa da Coruña, que lle foi narrado por un amigo que o viviu en primeira persoa.

Vivencias en África

E hai só unhas semanas este noiés lanzou Nixeria, unha obra de ficción que bebe tamén da experiencia do autor no país africano: «Ten un montón de historias truculentas, pero que son feitos reais que recollín alí». Unha das máis negras ten que ver coa trata de brancas, e mesmo coa existencia dun caníbal: «Eu non vin a escena dos corpos colgando coma se fosen xamóns, pero contouma unha persoa que si a presenciou e que aparece na novela».

Aínda que unha boa oferta propiciou que José Manuel Castro mudara un día o mar pola terra e rematara a súa vida profesional nunha empresa dedicada ás telecomunicacións, asegura que repetiría ese pasado de mariñeiro sen pensalo: «Estou completamente seguro, porque foi unha experiencia que me enriqueceu como persoa. Se son o que son, incluíndo a miña faceta de escritor, é por ese pasado no mar». Asegura que na súa balanza persoal de pros e contras da profesión gañarían os primeiros: «Eu penso que si paga a pena o risco e vivir lonxe da familia, porque o mar é unha aprendizaxe».

Agora, a gran paixón deste veciño de Noia é a literatura. A súa especialidade é a ficción, pero está convencido de que nunca sería quen de engalar con palabras folios en branco se non coñecera os lugares aos que o levou o mar e se non vivira as experiencias que lle regalou a profesión.

novelista

Ata o de agora publicou tres novelas («O lago», «Las almas perdidas» e «Nigeria»), pero José Manuel Castro xa leva escritas 14. Para o ano pretende lanzar un libro vinculado coa historia de Noia, relatando o que ocorría nos túneles que unían o convento das trinitarias co dos franciscanos.