Hemeroteca: Noia choraba a morte de Paz Carbajal

M. X. B. RIBEIRA

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

O música falecía aos 72 anos, cando era director da banda de música noiesa

15 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Noia e o mundo da música en xeral perdían hai 101 anos a un dos seus referentes: Felipe Paz Carbajal. O artista falecía aos 72 anos, cando exercía como director da banda de música local. La Voz de Galicia facíase eco da noticia sinalando que era unha morte moi sentida tanto na vila barbancesa como en Santiago, Vilagarcía, Ponteareas, Mondariz e outras vilas de Galicia, onde Paz Carbajal levara a batuta de diferentes formacións musicais.

A pesar de ter nacido en Pontevedra, Paz Carbajal viviu e compuxo boa parte da súa obra en Noia. De feito, os seus restos repousan no cemiterio de Santa María A Nova. Ademais, o conservatorio local leva o seu nome.

Un neto seu, Sebastián Paz, leva dúas décadas recompilando as súas composicións e logrou xa reunir un centenar de partituras de música relixiosa e obras para banda.