Seis chefs enxalzarán o berberecho noiés

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Seguirán en Testal o proceso de recollida e mostrarán despois as cualidades que ten bivalvo nos fogóns

12 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Iván Domínguez, do Restaurante Nado; Miguel González, presidente de Ourense Cociña; Dani López, do Restaurante Camiño do Inglés; Cristian Santiago Breijo, do Marea; Óscar Vidal, do Asador O Pazo; e Fernando Agrasar, do As Garzas; son os cociñeiros que foron seleccionados nesta ocasión para mostrar as virtudes que ten o berberecho de Noia. O xoves pola mañá desembarcarán en Testal co fin de ver en directo o proceso de recollida do bivalvo, que levan a cabo unhas 1.500 persoas, e a súa posterior clasificación e pesada na lonxa. Pola tarde, coa axuda doutro chef, Miguel Mosteiro, impartirán unha clase aberta de cociña, que terá ao marisco rei da ría noiesa como protagonista.

Estas actividades marcarán o arranque dunha nova edición, a cuarta, das xornadas en torno ao berberecho, que continuarán o venres cun congreso que reunirá a secretarios de diferentes confrarías de Galicia. Pola tarde haberá unha nova clase de cociña, nesta ocasión a cargo de chefs da comarca.

E o sábado terán lugar as xornada técnicas, unha sesión de intervencións e debates que virarán ao redor da comercialización do bivalvo noiés e á marca de calidade creada como elemento diferenciador. Ao termo das intervencións entregaranse os berberechos de honra a dous mariscadores de contrastada traxectoria.

Degustación popular

As actividades programadas para exaltar o berberecho culminarán o vindeiro domingo cunha degustación popular, que arrincará ás 13.00 horas nunha carpa que se instalará na alameda. A especie marisqueira por excelencia do municipio servirase con arroz e en empanada. Os comensais terán que achegar dous euros por ración, en calidade de donativo, que terán como destinatarios Cáritas e a Cruz Vermella local.