Os comerciantes de Noia recibiron información sobre o uso do billete dixital

ribeira LA VOZ

NOIA

CEDIDA

A directora xeral de Comercio e Consumo mantivo onte unha reunión con responsables de negocios do municipio

11 oct 2019 . Actualizado ás 13:19 h.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, estivo durante a tarde de onte en Noia para informar aos comerciantes do municipio sobre a nova plataforma de billete dixital que a Xunta está a desenvolver en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Na reunión, Sol Vázquez destacou que esta iniciativa permite ofrecer unha maior comodidade aos clientes, evitando que estes poidan extraviar o tradicional recibo que se dá nas tendas ou que este se deteriore polo paso do tempo. Así mesmo, esta medida tamén minimiza o uso do papel e dos contaminantes vinculados aos procesos de impresión.

Relanzar o produto local

Esta medida enmárcase no programa Comercio 360, un proxecto que busca mellorar a competitividade do comercio de proximidade pondo ao consumidor no centro de todas as decisións, apuntan desde a Xunta. A Administración autonómica destinará este ano preto de seis millóns de euros, co obxectivo de pór en valor o produto local, as sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social e o deseño.

Esta actividade que se celebrou onte na localidade noiesa, foi posible á colaboración que o centro comercial aberto Noia Histórica leva a cabo co organismo autonómico.