O Club do Mar de Noia pon en marcha un proxecto de remo adaptado

NOIA

MARCOS CREO

O club xa recibiu unha embarcación específica, e non descarta a constitución dun equipo se hai xente disposta a competir

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Club do Mar de Noia non se paraliza en ningún momento. É por iso que a directiva xa traballa na posta en marcha dun proxecto de remo adaptado pioneiro a nivel nacional. Todo naceu da colaboración do equipo con Suso Valverde, o único deportista desta modalidade en Galicia, e que mesmo participou nos campionatos de España e Portugal.

«Démonos conta de que un remeiro cunha discapacidade pode facer exactamente o mesmo que un remeiro calquera, ca única diferenza de que hai que botarlle o bote á auga, nada que non se faga cun rapaz alevín, por exemplo», afirmou o director deportivo do equipo, Beni Horta. O obxectivo é que as persoas con diversidade funcional poidan gozar da «liberdade que van a sentir na auga. É algo que nós non podemos imaxinar, e a recompensa diso non ten prezo».

O Mar de Noia recibiu da federación nacional un skiff adaptado, co que porán en marchar o proxecto. «A nosa obriga é achegar este deporte a esas persoas. Si se pode facer equipo estaremos aí para o que faga falta», afirmou Horta, quen xa traballa para dar forma a este novo proxecto social e deportivo.