Un psiquiatra afirma que o acusado de violar a unha menor en Noia estaba tan ebrio que non sabía o que facía

La Voz RIBEIRA

NOIA

EDUARDO PEREZ

O fiscal pide para o imputado 13 anos e medio de cárcere

30 may 2019 . Actualizado ás 21:46 h.

Había tanta cantidade de alcol no seu corpo que «non era consciente do que facía». Esa é a conclusión á que chegou un psiquiatra na vista que se celebrou hoxe na Audiencia da Coruña e na que se xulga a un home como presunto autor dun delito de agresión sexual a unha menor cometida en agosto do 2017 durante a celebración dunhas festas nunha localidade situada no partido xudicial de Noia.

Ante o tribunal, o psiquiatra -que foi proposto pola defensa- declarou que, despois de escoitar ao procesado, leste tería consumido máis dun litro de alcol xunto con bebidas estimulantes, unha mestura que tería desencadeado nun estado de embriaguez que alteraría as facultades cognitivas do acusado, que tería «anuladas» as súas capacidades volitivas e cognitivas, segundo informou Europa Press.

Estas declaracións coinciden coa versión que deu o acusado na primeira vista, posto que argumentou que estaba tan bébedo que non se acordaba de nada, e que canto llo contaron queríase morrer.

A Fiscalía solicitou para o procesado 13 anos e medio de cárcere e oito anos de liberdade vixiada por uns feitos que se produciron na madrugada do 5 de agosto de hai dous anos, día no que a menor estaba no campo da festa en compaña dunhas amigas. Nun momento determinado atopouse co procesado, maior de idade, sen antecedentes penais, quen lle pediu falar en privado con ela, quedándose ambos os sos.

O procesado entón colleuna en brazos e levouna a unha zona escura, comezou a bicala e a realizarlle tocamentos, segundo sinala no seu escrito de cualificación a Fiscalía.

Ademais, indica que «opóndose ás pretensións do procesado», a menor «empurráballe sen conseguir desasirse debido á maior fortaleza do procesado, á vez que seguía bicándoa». Nun momento determinado, o home «deulle a volta violentamente» e consumou a agresión sexual. Despois, fuxiu do lugar ao decatarse da presenza dunha persoa.