Santiago Freire invoca os compromisos cumpridos para tratar de revalidar a alcaldía

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A conselleira Ángeles Vázquez asistiu no coliseo Noela ao acto de peche de campaña dos populares noieses

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que a actividade mitinera finaliza hoxe, o PP de Noia viviu o mércores o seu gran acto de peche de campaña coa presenza da conselleira Ángeles Vázquez e un patio de butacas cheo ata os topes. Na quenda de intervencións, quen precederon ao cabeza de cartel no estrado falaron dos proxectos que están por diante e para os que, nalgúns casos, xa hai financiamento comprometido; mentres que Santiago Freire fixo un repaso da xestión realizada, que presentou como aval ante a bancada popular para lograr o seu respaldo o domingo. O líder conservador invocou os compromisos cumpridos nos tres últimos anos para tratar de conservar o bastón de mando.

O propio Santiago Freire lembrou que ata agora o PP nunca foi capaz de revalidar a alcaldía e, para logralo por primeira vez, insta os veciños a . «dar unha volta por Noia e comprobar que cumprimos o que comprometemos»En canto ás actuacións acometidas, falou da modernización que vai executarse na lonxa e que xa está adxudicada e, aproveitando a presenza da conselleira de Medio Ambiente, das melloras na depuradora.

Obras na cuberta

O candidato popular fixo un repaso das actuacións realizadas na planta de tratamento de augas residuais e das que aínda están en marcha, que inclúen a renovación da cuberta, unhas obras necesarias «froito da inacción dos anteriores gobernos do PSOE co BNG e co NOIA, que do 2007 ao 2016 non fixeron ningunha actuación de mantemento, igual que tampouco a fixeron no colexio Felipe de Castro».

Precisamente, este centro foi outro dos temas abordados durante o acto. Foi Ángela Neri a encargada de explicar o investimento de máis de 700.000 euros prevista no recinto, mentres que Mariola López detallou o proxecto de remodelación da praza de abastos e Laura Salgado, o de acondicionamento dunha nave en Abruñeiras para instalacións náutico-deportivas.