Unha avaría na rede de abastecemento alagou a rúa Corredoira de Noia

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA

NOIA

CEDIDA

A rotura produciuse na tubaxe principal e a presión da auga levantou parte do lousado

18 abr 2019 . Actualizado ás 17:23 h.

Unha rotura na rede principal de abastecemento de auga potable rexistrada á primeira hora desta tarde provocou a inundación da rúa Corredoira de Luis Cadarso de Noia. A auga acadou o metro de altura, levantou o empedrado e arrastrou terra, que entrou nalgúns portais de vivendas, o que obrigou ao servizo municipal de urxencias a intervir para baldear.

O alcalde, Santiago Freire, explicou que puido habilitarse unha alternativa para evitar que os inmobles do centro histórico quedasen sen subministración, aínda que nalgunhas rúas aínda non puido restablecerse o servizo. A brigada de obras traballa na zona para tratar de reparar a avaría, aínda que o mandatario precisou que será necesario substituír a canalización, xa que se trata dunha tubaxe de fibrocemento.

A isto hai que engadir os danos no pavimento, o que obrigará a traballar ás alancadas para deixar a rúa en condicións para que poida pasar por ela, tal e como estaba previsto, a procesión do domingo.