Esperanza Mara: A soprano que busca cantos de arrolar

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

cedida

Despois de percorrer os grandes escenarios de Europa, regresou a Noia para criar aos seus fillos e vén de emprender un proxecto de recuperación de música tradicional

17 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As sinfónicas de Galicia e Estremadura, o Concerto Ibérico de Portugal ou a orquestra Divino Suspiro, a máis importante do país luso dedicada á música antiga, tiveron no pasado entre os seus integrantes a Esperanza Mara, unha soprano de Noia que estaba ata hai pouco residindo en Lisboa, desde onde se desprazaba para actuar polos mellores escenarios de Europa. Volveu á casa renunciando ás viaxes e aos grandes teatros co propósito de criar aos seus fillos -Moraima vai para dous anos e o seu irmán está en camiño-. Iso si, regresa disposta a seguir cultivando as súas variadas facetas profesionais, pois é artista, mestra e musicóloga.

De feito, Esperanza Mara vén de poñer en marcha un ambicioso proxecto que aglutina todas esas facetas e que conta coa implicación dunha ducia de concellos da redonda. Trátase dunha recollida de cantos de arrolar: «Sempre pensei en levar a cabo un proxecto persoal e agora teño a oportunidade. Hai uns anos desenvolvín en Portugal unha iniciativa similar sobre o Canto da Verónica, recollendo cancións polas aldeas para logo montar un grande espectáculo no que incluso participaron esas persoas que me axudaron».

Tecendo soños, a proposta a levar a cabo en Barbanza, é igual, pero xira ao redor dos cantos de arrolar. Esperanza Mara percorrerá varios municipios realizando un traballo de recollida desas estrofas que antigamente se lle cantaban aos bebés, para despois poñelas nas mans de poetas e compositores, que lles darán forma, ampliaranas e adaptaranas aos tempos actuais. A edición dun disco no que ela poñerá a voz será o colofón deste gran proxecto.

«A miña pretensión é tratar de cubrir esa carencia de cantos de arrolar que hai, porque eu teño dificultade para interpretarlle este tipo de temas á miña filla», explica a noiesa. A súa idea é que o repertorio final inclúa temas para banda, para coro afeccionado ou para piano, sempre, iso si, coa presenza dunha voz solista: «Quero que nos distintos recunchos de Barbanza volvan a soar os cantos de arrolar».

Recollida en marcha

Ana Romaní, Berta Dávila e Eva Veiga son algunhas das poetisas que colaborarán neste proxecto, que xa empezou a cobrar forma coa recollida de tres cancións na localidade noiesa de Vilaverde, en Cando (Outes) e en Louro (Muros). Tamén os veciños que facilitan as estrofas terán cabida nesta proposta: «Pretendo publicar pequenos vídeos para facer visibles tamén a estas persoas que me axudan e me informan sobre a procedencia dos diferentes cantos».

Para conseguir os fondos cos que sufragar este traballo, no que Esperanza Mara estará mergullada os vindeiros meses, a noiesa asinou un convenio de colaboración cunha ducia de concellos, tanto de Barbanza como da veciña zona do Sar. Neles levará a cabo obradoiros de cantos de arrolar dirixidos aos bebés e ás súas familias, e concertos. Destinará o diñeiro que perciba a Tecendo soños: «Farei un estudo musicolóxico sobre eses cantos e a súa orixe, e tamén unha ficha sobre o informante que lle será entregada a cada concello participante».

Mentres, seguirá matando as ansias de cantar aceptando algunha que outra viaxe. A semana pasada, por exemplo, estivo en Aviñón (Francia) con Gabriel Garrido, considerado un dos mellores directores de música antiga: «Estou seleccionando moito as actuacións que acepto co fin de tratar de conciliar a vida laboral e familiar». Vese, a curto e medio prazo, traballando en Barbanza, aínda que confía en volver no futuro aos grandes escenarios: «Cando os meus fillos estean criados si que quero volver a dedicarme á miña carreira». Incluso está pensando en engadirlle unha nova faceta ao seu abano profesional: «Estou analizando a posibilidade de aceptar o reto de dirixir grandes orquestras».