O Noia renace contra o Bisontes para seguir enganchado á liga

S. Gómez

NOIA

Olaia Noia FS

Tres goles consecutivos de Colorado , Quílez e Pizarro déronlle a volta ao marcador

23 mares 2019 . Actualizado ás 21:20 h.

Poucos poderían imaxinarse co 0-2 brillando no marcador ao termo do primeiro tempo que o Noia reviviría contra o Bisontes Castelló. Fíxoo o conxunto de Marlon Velasco, que segue así enganchado a unha liga na que quere seguir o próximo ano. O 6-3 finais foi unha bocanada de osíxeno para un conxunto necesitado de alegrías e que se nega a darse por vencido.

Comezou golpeando o Castelló con dous tantos seguidos de Juanito e Lorca nos minutos 13 e 14. Sen capacidade para contestar, o Noia enfilou o camiño dos vestiarios con moito traballo por diante.

Gran reacción dos barbanceses tras regresar do descanso. Tres zapatazos de Colorado , Quílez e Pizarro deixaron grogui ao bloque levantino, cuxo técnico se viu obrigado a solicitar tempo morto para suturar a sangría.

A sentenza

Non serviu de nada o impás. Uri, dous minutos despois, botou máis sal na ferida co 4-2. Toleou a bancada e o Noia, despois dun curso repleto de golpes e desgustos, viuse convencido de poder sumar os tres puntos. Axudou aos barbanceses a expulsión de Tití tras unha dura entrada sobre Uri. Tras dúas ocasións para sentenciar, Pizarro non fallou e bateu a Nacho Serra.

Xa con porteiro-xogador sobre o parqué, o Castelló recortou distancias co 5-3, obra de Juanito. Foi unha mera miraxe, Uri sentenciou co sexto. O Noia aínda non está morto. Aínda queda moito por xogarse.

Ficha técnica

Noia: Brais, Pizarro, Marci, Javaloy e Dani Colorado -tamén xogaron- Palmas, Uri, Beltrán, Quílez e Juan Puertas

Bisontes: Nacho Serra, Genís, Juanito, Malawy e David -tamén xogaron- Rangel, Pipi, Lorca, Tití e Diego

Goles: 0-1, min 12: Juanito; 0-2, min 13: Lorca; 1-2, min 23: Dani Colorado ; 2-2, min 24: Quílez; 3-2, min 24: Pizarro; 4-2, min 26: Uri; 5-2, min 33: Pizarro; 5-3, min 35: Juanito; 6-3, min 36: Uri

Árbitros: De Juana González e Toca Campo. Amoestaron a Marci e Palmas con amarelas polos locais. Tití foi expulsado por dobre cartón.

Incidencias: Agustín Mourís. Máis de 300 persoas nas bancadas.