Misela, 25 anos de traballo

La Voz

NOIA

MARCOS CREO

Co gallo de as súas vodas de prata, a asociación celebrou unha gala que reuniu a máis de 250 persoas no coliseo Noela

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Leva un cuarto de século traballando no ámbito das discapacidades, ofrecendo unha serie de servizos ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias. Para celebrar estes 25 anos de traxectoria, a asociación Misela organizou unha gran gala, que contou coa presenza dunhas 250 persoas que encheron o coliseo Noela. Alí estaban os usuarios e os seus achegados, pero tamén o persoal do centro e os representantes das entidades que prestan a súa colaboración.

A actriz Iolanda Muíños exerceu de mestra de cerimonias nun acto que contou coas intervencións de Ildefonso de Cámpaa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidades; Ánxela Franco, deputada provincial; Santiago Freire, alcalde de Noia; Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami; e Mari Carmen Hermida, a responsable actual de Misela, que entregou un obsequio ao que foi o presidente fundador da entidade, Primitivo Hermo.

A psicóloga da asociación, Oliva Filgueira, dirixiu un coloquio no que usuarios e familiares narraron as súas experiencias. Posteriormente, os presentes tiveron ocasión de coñecer de preto as diferentes actividades e servizos que presta a entidade a través dun vídeo, ao que seguiu unha segunda proxección protagonizada por un grupo de alumnos, que interpretaron unha canción na linguaxe de signos.

Foto final e exposición

Na estampa que puxo o broche á gala viuse a unha ducia de raparigos sobre o escenario, todos eles pertencentes ao equipo de desenvolvemento infantil e atención temperá que funciona en Misela e que conta na actualidade con 40 usuarios. Completaba a imaxe o público, cos seus aplausos.

A gala rematou con esa estampa, pero os actos conmemorativos do 25° aniversario continuaron na segunda planta do Noela, onde tivo lugar a inauguración dunha exposición. O público tivo ocasión de facer un percorrido pola traxectoria de Misela, a través de fotografías dos usuarios que pasaron pola entidade e tamén dos seus familiares. Esta mostra continuará aberta ata a fin de semana.