As optativas que merecen máis horas

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Na comarca hai centros educativos que destacan por impartir oratoria ou contar cunha banda propia na súa clase de música

11 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Soa o timbre que indica o inicio da segunda hora da mañá no instituto noiés Campo de San Alberto e o ruído nas aulas comeza a mitigarse, excepto nunha na que o que se oe é a alguén dicir: «Un, dous, tres, ¡vai!». Acto seguido comezan a soar os acordes do Losing my religion de REM. Dentro da estancia os pupitres exercen un papel secundario e o alumnado non ten o caderno e o bolígrafo diante. En lugar diso empuñan unha guitarra eléctrica, un baixo, así como as baquetas dunha batería ou de varios metalófonos. Trátase da banda creada para a clase optativa de música que imparte David Regueiro.

Este é un dos exemplos máis característicos na comarca de como evolucionaron nos últimos tempos as materias optativas ou de libre configuración, unha lista que hai unha década era curta e nos centros pequenos apenas había posibilidade de impartir atractivas e interesantes ofertas curriculares como oratoria, Investigación e Tratamento da Información -unha auténtica clase de xornalismo-, xadrez, Programación, Promoción de Estilos de Vida Saudables ou Educación Financieira. E é que entre todos os centros de secundaria barbanceses hai un total de 1.481 estudantes matriculados nalgunha destas materias.

«Noutros anos isto era todo o intre frauta e ver vídeos», explicou Yeray Martínez do que pensaba que sería esta materia, para que Anxo Insua sinalase que «ao principio estábamos un pouco abaixo por ser os únicos que non sabíamos tocar, pero con este profesor todo é posible». Eles representan a un tipo de alumno que parte de cero, pero esta materia optativa deulles a mozas que aman a música a oportunidade de traballala en clase.

Os motivos

«O obxectivo é que aprendan a expresarse, a interpretar a estrutura dunha canción», explicou Regueiro, quen precisou que nos seus 12 anos tras aprobar a oposición esta é a primeira vez que conta con tantos recursos instrumentais e que coa Lomce «cada ano imos peor». Para el é unha rareza poder impartir a súa especialidade, que tamén dá en inglés para o grupo de bacharel.

«Levo desde os 5 anos tocando a batería, estou todo o día escoitando música», expresou Pablo Romero , quen integra a banda musical de Lousame xunto a Marcos Prego. Leste toca a trompa, pero está ao cargo do metalófono para botar un cable. «Toco a guitarra de forma autodidacta, a batería desde o ano pasado e co baixo empecei no instituto», relatou Miriam Rodríguez, que agarraches a clases xunto ao guitarrista Ángel Rodríguez, do que ninguén diría que deu os seus primeiros pasos en Youtube ao verlle asollar.

O grupo toca desde temas da, A, Land ata unha canción que compuxeron contra a violencia de xénero, interpretada o 25N, e que queren gravar.

Na Pobra aprenden a declamar con discursos de Barack Obama

Matilde Pardiñas é a profesora de oratoria no instituto da Pobra, unha materia na que os alumnos visionaron vídeos de relevantes figuras públicas como Mariano Rajoy, Barack Obama ou o mítico discurso de gradación de Steve Jobs. Na súa aula, os mozos de segundo de ESO aprenden a argumentar sobre unha determinada posición, aínda que sexa contrarios a ela. Por exemplo, algúns tiveron que defender a realización de exames no modelo educativo.

«A meta é que comprendan a finalidade da oratoria, que non só é a propia comunicación, senón a persuasión e convición da xente, por exemplo, para vender algo ou traballar cara o público», explicou a docente, indicando que con esta materia se recuperan os hábitos do debate, se empatiza ou se respectan as quendas de palabra. Para preparar unha exposición planificada, o alumnado debe documentarse previamente, apoiándose no uso das novas tecnoloxías.

«Non só é importante o que se di, senón como se di ou a linguaxe corporal», destacou Pardiñas de distintas actividades para a mellora da dicción, o uso da pausa e o silencio ou a gestualidad e a forma de moverse ante unha audiencia. Neste sentido, a próxima semana declamarán pequenos textos teatrais para traballar tamén a proxección e o volume da voz.

O Jaime Balmes de Noia aposta por unha educación feminista

No centro noiés Jaime Balmes levan dous anos impartindo Igualdade de Xénero en segundo de ESO e o seu docente, Carmen Molinos , explica que se trata dunha materia «necesaria nos difíciles tempos que corren, aínda que unha hora semanal non sexa suficiente». A formulación desta tampouco é o habitual de atender e tomar apuntamentos, aquí os mozos síntanse, «dialogan e debaten para sacar as súas propias conclusións» sobre temáticas como a linguaxe inclusivo ou a diferenciación entre os conceptos de sexo e xénero.

Neste sentido, Molinos tamén aposta pola realización de talleres prácticos e de actividades en colaboración con colectivos de expertos como o Centro de Información á Muller (CIM) de Noia, quen xa visitou a aula no primeiro trimestre.

O alumnado masculino responde bastante ben a esta materia que permite previr condutas nocivas, como a dun mozo que lle di á súa parella como debe vestirse. Precisamente, Molinos lembrou unha valiosa anécdota na que un alumno se lle achegou a final de clase para agradecerlle os ensinos, xa que, de forma inconsciente, reproducira algún destes comportamentos coa súa noiva. «Elas tamén responden ben, pero ás veces teñen problemas para identificar onde pór determinados límites», analizou a docente.

Paisaxe e Sustentabilidade, unha oferta que conta co seu grao universitario

Unha das principais novidades na oferta de materias curriculares é a de Paisaxe e Sustentabilidade, unha curiosa opción que nace ao mesmo tempo que o novo grao universitario da USC, compartido entre os seus dous campus. O estudo da protección e a xestión do patrimonio natural e paisaxístico é unha temática na que xa se traballa en institutos barbanceses como o boirense Praia Barraña, o ribeirense Leliadoura ou o de Porto do Son.