María Arca: A casa de Arca de Albariza despide á súa anfitrioa

La Voz NOIA / LA VOZ

NOIA

A veciña de Albariza faleceu onte aos 98 anos

19 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tiña 98 anos e unha vida enteira chea de recordos, gran parte deles vinculados á casa de Arca de Albariza, como era coñecida a súa vivenda, que durante moitos anos foi unha das máis importantes da comarca porque a súa familia contaba con moitas propiedades onde cultivaban a terra e vendían o que sacaban dela. María Arca Siso casou moi nova con Avelino Tomei, co que tivo tres fillos: Avelino, María del Carmen e Manuel.

Este último, actual presidente da Asociación de Empresarios da Pobra, lembrábaa onte como unha muller moi traballadora, «non era autoritaria, pero gustáballe ter todo baixo control e dicíanos sempre o que tiñamos que facer». O seu fillo tamén quixo agradecer todo o apoio que recibiran el e os seus irmáns dos seus proxenitores, «que loitaron por intentar darnos unha vida digna».

María Arca faleceu na madrugada de onte, despois de pórse mala uns días antes. Os seus restos mortais están a ser velados no tanatorio de Pompas Fúnebres de Noia. Esta tarde, ás 16.45 horas, está previsto que a comitiva fúnebre saia de alí para dirixirse cara á igrexa de Santa Cristina de Barro, en cuxo cemiterio será enterrada a continuación.