«Os rivais hanme obrigado a crecer moi rápido»

NOIA

18 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O cullerdense deixou boas sensacións na Coruña, só un erro no Cocido privoulle de confirmalas e en Noia levou a vitoria.

-Cal foi a clave?

-Que corremos como leóns e non cometemos erros. Poida que acertásemos cos pneumáticos, pero non foi só iso. Hai que saber ler as carreiras, saber o que toca en cada tramo. Non todo é correr como un poseso.

-Como analiza a súa progresión?

-Cheguei nun bo momento aos ralis, cun gran nivel e grandes rivais en activo. Víctor Senra, Alberto Meira, Iván Ares... todos teñen unha traxectoria ampla e brillante. Canto máis nivel teñen os teus rivais, máis progresas. Pero eu só gañei unha batalla. Hai que analizar por que non gañaches as outras.

-E fíxoo?

-Por suposto. Por iso se onde teño que mellorar. É o meu caminito de escalar o Everest, eles xa están no campo basee hai tempo. Pero eu creo que teño máis marxe de mellora. Estou a crecer. Eles obrigáronme a crecer moi rápido.

-Como augura a tempada?

-A diferenza estará na pilotaxe e a experiencia. Os coches son moi similares.

-A súa faceta deportiva e empresarial son vasos comunicantes?

-Todo se pode aplicar a todas as ramas. Eu fixen un curso sobre coaching deportivo que despois apliquei na empresa e foi moi satisfactorio.

-Que lle depara o futuro?

-Todo dependerá do meu traballo na empresa e dos compromisos profesionais. Gustaríame estar tamén en Ourense e Ferrol, pero imos vendo.