O drama do Prestige esgotou a lotería na comarca

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Tal día como hoxe, no 2002, establecementos de Ribeira, Muros, Porto do Son e Noia quedaban sen décimos ante o aluvión de compras por parte dos voluntarios e activistas

12 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tal día como hoxe, hai 15 anos, os establecementos de lotería da comarca vían como os décimos para o sorteo de Nadal desfilaban polos portelos a unha velocidade vertixinosa. Para achar a razón é necesario pór o foco na onda de solidariedade que se viviu na zona tras o afundimento do Prestige e, polo tanto, do inicio dunha das maiores catástrofes ambientais da historia de Galicia. Tratouse dun efecto en cadea que rematou cos boletos de locais de Ribeira, Muros, Porto do Son e Noia.

Os numerosos voluntarios e activistas que chegaron de diversos puntos do país non quixeron regresar aos seus respectivos lugares de orixe sen levar polo menos un décimo e, mesmo despois de que se esgotasen os de Nadal, comezaron a adquirir tamén os do sorteo que se celebra o día de Reis.

Por outra banda, os compradores non estiveron interesados en ningún número ou combinación en concreto.