Pasar por Lamelas será máis seguro para os peregrinos

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. Alvite MAZARICOS / LA VOZ

MUROS

Alvite

A Xunta acometerá a ampliación da senda peonil que transcorre paralela á AC-400

24 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En pouco máis dunha semana, os peregrinos que cada ano atravesan o concello de Mazaricos en dirección á localidade de Fisterra sentiranse un pouco máis seguros. Ese é, polo menos, o propósito que se persegue coa ampliación da senda que transcorre paralela á estrada AC-400 entre Santa Comba e Muros, nas inmediacións do núcleo de Lamelas. Un cruzamento que se considera especialmente perigoso para os camiñantes que saen da zona de Santa Mariña e deben atravesar o viario para proseguir coa ruta.

«Xa se fixo fai uns anos unha pequena pasarela que afastaba uns metros aos viandantes do cambio de rasante, pero que resultou ser insuficiente debido á elevada velocidade coa que circulan algúns vehículos por ese lugar», apuntan desde o Concello mazarico, que en repetidas ocasións demandou á Xunta unha solución a este problema.

Parece que as súas reivindicacións por fin van ser atendidas e, de feito, persoal da empresa Tragsa xa realizou medicións no lugar durante as últimas xornadas e agárdase que os traballos, consistentes na cementación, adecuación do firme e o hormigonado da cuneta finalicen en sete xornadas.

 Accidentes

Unha obra da que tamén se felicitan os negocios situados no outro marxe da estrada, cuxos titulares foron testemuñas directas dos importantes sustos que se levou algún peregrino ao intentar cruzar.

«Foi unha verdadeira fortuna que ata o de agora non houbese ningún accidente grave porque o cruce está moi cerca da rasante e os coches pasan, en ocasións, excesivamente rápido. Aínda sendo precavido e cruzando rápido, cando te das conta xa tes o vehículo amais . A situación agrávase no caso de grupos moi numerosos de xente ou de persoas maiores que camiñan a un ritmo máis lento», apuntan desde un destes establecementos hostaleiros situados ao pé da ruta xacobea.