Canto custa alugar un piso de verán en Barbanza?

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA/ LA VOZ

MUROS

La zona de Coroso es una de las más cotizadas, con pisos que rondan entre los 2.500 y los 3.000 euros el mes de agosto
A zona de Coroso é unha das máis cotizadas, con pisos que roldan entre os 2.500 e os 3.000 euros o mes de agosto CARMELA QUEIJEIRO

Os prezos subiron unha media de entre 50 e 100 euros con respecto ao 2020 e sitúanse ao mesmo nivel que o de coñecidas zonas turísticas como Torrevieja ou Benicasim

18 jul 2021 . Actualizado ás 20:06 h.

Despois de que o verán comezase de forma titubeante debido ao mal tempo e a unha explosión de casos de covid, a comarca acaba de estrear a tempada máis importante para o alugueiro de vivendas de verán: a que comprende entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. Con todo practicamente ocupado, os prezos de arrendamento volven demostrar que, aínda que non se está ao nivel de concellos situados alén da ría de Arousa, aquí tampouco son precisamente baratos, posto que se equipasen ao de famosas zonas turísticas da zona do Mediterráneo, como Roquetas, Benicasim, ou Torrevieja.

O ránking de prezos de alugueiros na costa española para este verán elaborado por Tecnitasa está encabezado pola illa da Toxa, onde pasar unha semana aloxado nun piso de 80 metros cadrados pode saír pola nada despreciable cantidade de 2.800 euros. Sanxenxo (entre 1.550 e 1.300), Vigo ou Nigrán (ao redor de 800) estarían tamén na parte máis alta desta clasificación, mentres que Boiro e Ribeira xa se coarían un pouco máis abaixo, cuns prezos que roldan os 665 euros á semana, mentres que en municipios como Porto do Son ou Muros poderíanse atopar inmobles por entre 400 e 380.

«Normalmente a xente non adoita alugar por semanas porque lles sae máis caro»

Desde as distintas inmobiliarias da comarca sinalan que os arrendamentos non variaron moito con respecto ao ano pasado, e só nalgúns casos hase experimentado unha subida de entre 50 ou 100 euros, sobre todo nos pisos que se reservan para o mes de agosto. «A primeira quincena de xullo foi bastante mala, pero esta xa a temos toda completa e agosto tamén», sinala a pobrense Áurea Pouso. Destaca que os alugueiros máis altos que manexaron seguen estando na zona de Coroso, con algúns que chegan a pedir entre 2.500 e 3.000 euros por pasar o próximo mes aloxados nun piso con vistas á ría. Tamén estes inmobles preto do mar son os máis cobizados na Pobra, aínda que neste caso se baixa un pouco o listón, e pódese atopar un na zona dos Areos por 1.500 euros en xullo e 1.800 en agosto. «Normalmente a xente non adoita alugar por semanas porque lles sae máis caro, aquí o que funciona son as quincenas ou o mes completo», apunta Pouso.

 Sen visitas

Tamén sinala o mesmo o boirense Anxo Vidal, que recoñece que aínda que hai moita demanda e xa está todo completo para as próximas semanas, este ano houbo un cambio de preferencia, e as vivendas máis grandes tiveron menos saída. «O normal é que antes unha familia alugase unha casa grande, porque logo viñan os sogros ou os cuñados, pero agora todos queren pisos, sobre todo os que están a medio camiño entre a praia e o centro», apunta.

«Algunha cancelación sempre cae a última hora, pero eu creo que non ten relación co aumento de casos de covid

Sevilla, Madrid, Ourense e por suposto Santiago, son os destinos de orixe de moitos dos clientes da inmobiliaria sonense de Manuel Mariño, que sinala que os alugueiros en Portosín adoitan andar polos 500 ou 600 euros, e que hai tempo que colgou o cartel de todo completo. «Algunha cancelación sempre cae a última hora, pero eu creo que non ten relación co aumento de casos de covid. Se fose algo puntual que houbese un brote podería ser, pero como agora mesmo é algo xeneralizado, penso que non inflúe», sinala.

Víctor Solís: «Todos os días temos chamadas de xente desesperada buscando casa»

Desde hai moitos anos, a comarca hase convertido nun destino turístico perfecto no que gozar do mar sen grandes aglomeracións. Os visitantes máis previsores, «os que se adoitan aloxar por quincenas ou por meses, xa comezan a buscar piso sobre o mes de marzo. Logo están os que veñen a última hora, que xa non atopan nada. Todos os días temos chamadas de xente desesperada buscando casa de veraneo», apunta Víctor Solís desde unha inmobiliaria de Carnota.

 Sinala que os clientes adoitan ser bastante esixentes e, por experiencia, «sempre se aluga antes o bo e caro que o malo e cutre. As casas bonitas de pedra sácannolas das mans», sinala. Iso si, outra particularidade que ten este municipio é que «non hai dúas vivendas iguais», polo que é difícil concretar o prezo medio dos alugueiros durante a tempada estival. Solís calcula que un apartamento de dous cuartos está entre 60 e 70 euros a noite, uns 400 ou 500 por semana, e poden chegar a pagarse entre 1.400 ou 1.600 por algunhas casas o mes de agosto.

Os DATOS

Concellos             Prezos por semana (euros)

A Toxa                           2.800

Sanxenxo                     1.550

Vigo                                 800

Boiro                                665

Benicasim                        650

Roquetas de Mar             650

Torrevieja                         640

Lloret                               600

Gandía                            550

Aguias                            500

Almería                           450

Portosín                         400

Muros                             380

As Palmas                    300

*Datos do ránking de prezos de alugueiros na costa elaborado por Tecnitasa