Amigos do Camiño aposta por impulsar a ruta

l. martelo OUTES / CORRESPONDENTE

MUROS

cedida

A asociación fixou como obxectivo seguir dando a coñecer entre a poboación o tramo entre Muros e Santiago

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Asociación de Amigos do Camiño pola Ría de Muros e Noia continúa coa súa misión de visibilizar este tramo coas miras postas no Xacobeo 2021. Tras a asemblea xeral, celebrada recentemente, a directiva foi renovada e fixou a folla de ruta para este ano. O colectivo márcase como obxectivo seguir dando a coñecer a ruta entre a poboación e a posta en marcha dunha web informativa, complementada co lanzamento dunha aplicación móbil coa que os peregrinos poderán seguir o camiño que separa Muros de Santiago.

Desde a entidade consideran fundamental que a xente «coñeza o noso camiño e teña a posibilidade de facelo con máis facilidades que ata o de agora». Os directivos tamén fixeron un chamamento aos concellos para que se comprometan a manter limpos os tramos e faciliten a apertura de espazos que sirvan de albergues, á espera de que finalmente se faga efectiva a oficialización do camiño a nivel institucional.

A asociación naceu no ano 2015 e a súa fundación ten orixe no traballo previo que a Asociación Turístico-Comarcal Ría de Muros-Noia estivera realizando co obxectivo de pór en valor os destinos turísticos da ría. Para rematar, a directiva apelou á necesidade dunha maior implicación dos veciños e institucións para que: «Este traballo non se pare».