Fran Figueroa: «O fútbol feminino non é unha moda»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

JORGE PARRI

O técnico muradán puxo en marcha hai tres tempadas un proxecto que vén de converterse nun éxito deportivo

17 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Fran Figueroa (Muros, 1981) converteuse hai tres tempadas nun dos dinamizadores do fútbol feminino en Barbanza e a Costa da Morte. As Miúdas son hoxe un dos proxectos que gozan de mellor saúde, e polo que pasaron algunhas das mellores futbolistas do deporte rei barbancés. El explica a filosofía do proxecto, e o papel na muller neste deporte.

-Por qué decidiu poñer en marcha o fútbol feminino en Muros?

-Estaba adestrando na base da escola Os Miúdos, cos infantís. Había varias rapazas e vimos que co paso das categorías non ían poder seguir xogando. No curso de adestrador estiven con Manu Sánchez, do Dépor feminino, e xa me falara marabillas. Rompémonos a cabeza e arrancamos cun proxecto novo, que naquel momento non había na comarca.

-Levan xa tres anos. Como ve a evolución das Miúdas?

-A evolución é sempre positiva. Hai nenas que queren xogar e que teñen moitas gañas. Todos demos o paso para facer visible algo que estaba aí. Agora hai máis equipos e os desprazamentos son máis curtos. O fútbol feminino non é unha moda, é tan real como o outro. Para mostra o que están facendo Cee, Mazaricos, Noia... Nós agora vemos como nas escolas hai máis rapazas que empezan, e iso é positivo.

-O outro día dicíanme que vostede é un referente.

-Iso quédame moitas tallas de máis. Estou acostumado ao que me dicía miña avoa, que eu era o máis guapo, pero nisto fomos moitos os que demos o paso. Eu non son referente; referentes son as rapazas que escoitaban burradas dende a grada, ou xente que comezou no Aguiño como Susú Cores ou Vero Boquete. Os que seguimos somos continuistas.

-Dicía que isto non é unha moda. Onde está a súa forza?

-Céntrome nas folgas, onde están intentando que non se vexa tanta diferenza entre fútbol masculino e feminino. O noso é un nivel máis básico, pero o ambiente no campo vaise parecendo. Cada vez temos máis público, xa xogamos unha Copa da Costa no que o ambiente foi o deses partido grandes. Moita xente sorpréndese do que fan as rapazas. Que esperaban, que ían estar camiñando? Todo o mundo que ve un partido percibe que non hai diferenzas tan grandes co que é a competición masculina. Xogan 11 contra 11, hai nivel. Hai moitas rapazas que empezan tamén, pero como dicía o adestrador do Mazaricos José Ángel, as portas teñen que estar abertas para todas as que queiran dan o paso.

-Iso é fundamental. Axudar a derrubar os prexuízos.

-Hainas que proban e non lle gustan, pero iso tamén ten que ser normal. É do máis normal que unha rapaza queira xogar ao fútbol ou que un rapaz queira facer baile de salón. Cada un ten que facer o que lle apeteza.

-Adestrou a mozos e mozas, hai diferenzas?

-Só fisiolóxicas. No masculino hai máis contacto. Os rapaces empezan antes tamén, as nenas fano con 12, 14, 15 anos, e na outra banda xa o fan en benxamíns, alevíns. A nivel competitivo é o mesmo, hai piques nos dous lados. Vivimos os derbis con esa mesma ansia, con nervio. O balón e as porterías son iguais [ri].

-Falando de derbis. Foron o primeiro equipo en ganarlle ao Aguiño esta tempada.

-Fomos con baixas, con catro xogadoras que normalmente son titulares. Pero non che vou enganar, sabíamos que ía ser un encontro durísimo. Sabíamos que se deixábamos xogar a Mon ou Alitas e se Rut tiña espazos sería moi complicado. Buscamos estar moi amais delas, cortarlles o seu xogo. Non son de contar historias, pero xa no partido de ida competimos a pesar do resultado. Coñezo ás miñas rapazas e cando se poñen a funda de traballo compiten coma calquera. Traballaron moito, xuntiñas e desesperaron ás rivais. Para min non foi unha sorpresa, a verdade é que cando entras no vestiario e ves ás caras da xente xa sabes como pode ir o encontro.

-O bo traballo que fan coas Miúdas estase convertendo tamén nun problema. Cada ano marchan xogadoras para recalar en equipos de maior categoría.

-Procuro levalo dunha maneira sensata e tratar de non molestar a ninguén. A rapazas de 18 ou 20 anos pódenlles encher a cabeza con paxariños e con retos máis altos, pero sempre tes que valorar o traballo de quen comeza dende abaixo. É normal que os equipos fortes busquen ás mellores, pero as fichaxes hai que tratalas coas outras directivas, falando. E sendo realista, eu nunca lle prometería a unha rapaza algo que non está da miña man.

«Referentes son as rapazas que escoitaban burradas dende a grada, ou xente que comezou no Aguiño»