A Deputación destina case un millón de euros para dúas liñas de emprego

La Voz A Coruña / LA VOZ

MUROS

cedida

Porá en marcha 60 proxectos empresariais e a contratación de 80 mozos menores de 30 anos

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade dúas novas liñas do Plan de Emprego Local (PEL) destinadas a potenciar a posta en marcha de proxectos empresariais e á creación de emprego para a mocidade nos concellos máis pequenos e rurais da provincia.

As novas liñas, Rurinnova e Substitución, suman un investimento global de 918.000 euros, cofinanciados nun 91 % con fondos europeos. O obxectivo é apoiar a inserción laboral, o autoemprego e o emprendimiento entre os mozos de menos de 30 anos que residan en municipios de menos de 5.000 habitantes ou naqueles que, tendo menos de 10.000 persoas, presentan un saldo demográfico negativo na última década (neste último caso, inclúense Arzúa, Camariñas, Cedeira, Cee, Coristanco, Malpica, Melide, Mugardos, Muros, Neda, Ortigueira, Outes, Oza-Cesuras, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Santa Comba, Valdoviño, Vedra e Vimianzo).

O programa PEL-Rurinnova está dotado con 486.000 euros, cos que se financiarán 60 proxectos empresariais «innovadores» por parte de mozos menores de 30 anos durante o 2020. Ademais de axudas ao autoemprego -por un importe de ata 8.100 euros-, esta liña inclúe un amplo calendario de actividades de formación, asesoramento e soporte para os emprendedores durante o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación dos seus diferentes plans e liñas de negocio. «A Deputación priorizará o acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible e responsabilidade social empresarial no seu modelo de negocio», sinalan desde a institución provincial.

Doutra banda, a nova liña PEL-Substitución contará cunha partida de 432.000 euros para incentivar a contratación de 80 mozos menores de 30 anos en empresas implantadas nos municipios menos poboados da provincia. Os contratos deberán ser indefinidos e a tempo completo, coa obrigación de mantelos un mínimo de seis meses, «e teñen como obxectivo facilitar o relevo xeracional dos cadros de traballadores das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade».

Pemes

Ademais da subvención á contratación destes 80 mozos, que complementan as liñas do programa PEL-Pemes -que este ano facilita a inserción laboral doutras 178 persoas-, o plan Relevo tamén ofrecerá accións formativas para os traballadores en colaboración coa Rede Provincial de Espazos de Coworking .

Segundo apuntou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, estes dous plans son novas ferramentas «para enfrontar a perda de poboación do rural coruñés».

O PEL-Emprego Sostible non Rural pretende axudar a 855 persoas en exclusión social

Desde a posta en marcha do Plan de Emprego Local (PEL), a aprobación de proxectos con financiamento europeo para beneficio do rural coruñés «ten sido unha constante habitual» desde a Deputación, que actualmente ten outras liñas en desenvolvemento ou en fase de execución. Así, o PEL-Emprego Sostible non Rural, cun orzamento de 5,3 millóns de euros, ten como finalidade mellorar a inserción sociolaboral de 855 persoas en situación ou risco de exclusión social. Outras accións destacadas son o proxecto Eixo (Estratexia de Inserción Xove), para a empleabilidad dos mozos a través de formación estruturada en itinerarios como comercio, mercadotecnia e loxística; actividade físico-deportiva; ou seguridade e medio ambiente.

O proxecto AMAdeira, ten como obxectivo a sustentabilidade e a posta en valor do castiñeiro no Concello de Cerdido e na comarca de Ortegal.