«A grande ameaza da frota tradicional é a falla de fondos para manter os barcos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CARMELA QUEIJEIRO

Actualmente son 250 as embarcacións que hai rexistradas en toda Galicia

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xa varios anos que xurdiu en Galicia un movemento que busca divulgar o patrimonio marítimo e promover o seu aproveitamento, tanto a nivel cultural como desde o punto de vista turístico. José Luis Sacau Fontenla está metido de cheo nesta revolución. Forma parte do colectivo Mar de Muros, é un dos directivos da Federación Galega pola Cultura Marítima (Culturmar) e representa a cinco asociacións no Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, sendo o responsable da mesa de patrimonio marítimo nesta entidade. Axudou a organizar as xornadas que o GALP levará a cabo esta fin de semana en Porto do Son e que inclúen desde charlas ata saídas polo mar e visitas guiadas.

-Que se persegue con estas xornadas?

-A idea é promover o patrimonio marítimo, divulgando o que existe tanto nesta ría de Muros e Noia como na súa contorna. Refírome tanto a embarcacións tradicionais como a carpinterías de ribeira, portos e ramplas que quedaron en desuso. Queremos conseguir que máis xente se implique nesta causa, porque contamos con asociacións en municipios como Carnota, Outes, Muros e Noia, pero noutros puntos non hai colectivos funcionando. A nosa idea é estender o movemento.

-Por que é tan necesario este movemento en defensa da cultura marítima?

-Agora mesmo estamos nunha época de bonanza, pero hai 26 anos, cando se orixinou este movemento, foi precisamente polo perigo que existía de que se perdesen os saberes sobre a carpintería de ribeira. Agora hai 43 colectivos en Galicia que están traballando neste eido, pero é moi caro manter os barcos, pois case todos están en mans de asociacións sen ánimo de lucro. Ademais, a normativa non está adaptada e é complicado adecuar estas embarcacións para que poidan navegar. Tamén hai falla de espazos axeitados nos portos para que esta frota sexa visible.

-Existe un censo actualizado de embarcacións tradicionais?

-Actualmente temos sobre 250 embarcacións en toda Galicia. Esas son as que están rexistradas en Culturmar, pero sabemos que hai outras moitas que non están en mans de asociacións e incluso existen algunhas que están traballando no sector pesqueiro. Podemos andar ao redor das 350.

-Que características ten que cumprir un barco tradicional?

-Ten que estar construído en madeira e a súa propulsión principal ten que ser mediante remos ou vela. Non inflúe a idade dos barcos, xa que aí entraría a clasificación de históricos para aqueles que teñen máis de 50 anos.

-Cales son as xoias que hai na zona de Barbanza?

-Temos unha frota reducida, pero de moito valor. En Barbanza hai sete barcos en activo e varios en fase de restauración. Hai pezas únicas coma o Joaquín Vieta, un veleiro con máis dun século de historia e 18 metros de eslora. Tamén hai unha lancha xeiteira, unha buceta e unha canoa muradá do 1934. E no peirao de Muros está amarrado un galeón de 12 metros.

-E na Costa da Morte?

-Por desgraza, nesa zona non hai nada. Hai un baleiro desde Carnota ata A Coruña, quizais porque as condicións da navegación aí son máis duras e non se difundiu esta tradición de manter os barcos. Tampouco hai nese territorio colectivos involucrados neste movemento, que é máis intenso nas Rías Baixas. Entre os obxectivos de Culturmar está precisamente o de estender esta loita pola defensa da cultura mariñeira á Costa da Morte.

-Cal é o principal perigo que corre esta frota?

-A grande ameaza da frota tradicional é a falla de fondos para manter os barcos, que teñen que ser varados e reparados cada ano. O Joaquín Vieta, por exemplo, ten un custo de 10.000 euros anuais.

-Estase aproveitando o valor turístico destas pezas?

-Claro que non. En Muros temos un xermolo dunha mariña tradicional onde están amarrados os barcos e está a ser un gran atractivo, pero é un caso único. Temos un gran potencial ao que non se lle saca partido.