A arte imponse na vila do mar

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

CARMELA QUEIJEIRO

Muros, fachadas de vivendas e ata barcos serven de soporte para os murais que xa locen no municipio rianxeiro

14 sep 2019 . Actualizado ás 21:15 h.

Rianxo foi de sempre un pobo sensible ás artes. Os escritores máis insignes nados na vila non precisan presentación e a día de hoxe contan con dignos sucesores; célebre é tamén a súa fama como berce de grandes músicos; a agrupación decana do teatro afeccionado de Galicia é de Asados; e conta entre os seus veciños con algún que outro profesional do sector audiovisual con varios premios de prestixio. O que quizais faltaba era unha referencia no eido da pintura, pero esa eiva vén de quedar resolta e hoxe a vila do mar zumega arte por todos os seus costados.

CARMELA QUEIJEIRO

Viladomar é precisamente o nome da iniciativa que propiciou que muros e espazos públicos tornasen a súa imaxe degradada a golpe de pinceladas de cor. Ondiñas Mainas está detrás dunha proposta que converte os edificios en arte. A Casa da República, o muro do polideportivo, unha parede levantada con bloques de formigón no paseo da Ribeira ou a fachada dun edificio da zona portuaria locen espectaculares murais con deseños que evocan a cultura rianxeira.

CARMELA QUEIJEIRO

Nun barco

Con todo, hai unha peza en particular que resulta especialmente rechamante porque leva a pintura en gran formato a un novo elemento: o acuático.

O rianxeiro Nove Noel trata a temática mariñeira, e que mellor soporte no que plasmala que un barco bateeiro, que a bo seguro que a partir de agora fai que máis dun mariñeiro da ría de Arousa volva mirar cando se cruce con el: «Trátase de levar a comunicación en espazos públicos a un soporte máis achegado ao mar», explica. O proceso non foi sinxelo, porque a superficie é moi diferente dunha parede, os materiais, os tempos de traballo, os procedementos e o tipo de pintura tamén son outros. Pero o resultado final é igual de espectacular.