Leo, diagnosticada de alzhéimer aos 58 anos: «O que máis medo me dá é non recoñecer a cara dos meus»

MAZARICOS

ANA GARCIA

Ten 59 anos e unha conta atrás na súa memoria. Lembra perfectamente a súa infancia, aos seus avós, a súa voda, aos seus fillos, aos seus netos... pero non o que comeu hoxe. É unha vítima do alzhéimer

18 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai un ano, Leónidas tiña unha conversación máis fluída que agora mesmo. Sofre o que se coñece como a síndrome da punta da lingua, cando queres dicir algo pero non che sae a palabra. É só una das consecuencias do alzhéimer, a enfermidade que lle diagnosticaron no 2020 con tan só 58 anos. «Cando mo dixeron vinme abaixo, pero non podemos elixir. Eu tiña un fillo de 19 anos e morreuse nun accidente de coche. Foi un pau moi forte, pero non se escolle», di resignada Leónidas López, veciña de Arcos (Mazaricos). Aínda que por instantes a conversación se detén, talvez porque a súa cabeza está buscando a palabra, de momento é moi fluída. Cóntame os seus temores, que son moitos, pero sobre todo insiste no medo que lle produce ir perdendo aos poucos a memoria. «Pénsoo todos os días, o que non chegue a coñecer aos meus fillos, á miña familia», confesa.

 Tamén lle asusta a soidade. Pero esa situación apenas se dá. Manuel, o seu marido, converteuse na súa sombra e non a perde de vista en ningún momento. «Dáme moito medo saír da casa soa e non saber volver. De momento, non levo a dirección amais porque el sempre está pendente. Pero tamén teño medo se quedo soa en casa, pónseme algo no peito coma se non puidese respirar», di.

Non é frecuente que a enfermidade debute a estas idades tan temperás, máis aínda cando non ten un compoñente hereditario. Nin os seus avós, nin os seus pais de 88 e 72 anos, que «están de marabilla», sufrírono, así que non se explica por que o destino vaille roubando aos poucos os recordos. Leo, como a chaman cariñosamente, traballaba nunha granxa, e foi alí onde os seus compañeiros detectaron que algo non ía ben. Empezaron a notar que se lle esquecían palabras de xeito habitual, e que ela non se daba conta. Estes esquecementos fixeron saltar as alarmas, e enseguida a súa familia consultou cos médicos, que inicialmente non lle deron importancia, xa que o achacaban ao estrés. «Dicíanme que eran descoidos, descoidos, ata que a miña filla, que vive en Barcelona, plantouse e dixo: ‘De descoidos nada, que non se acorda de se falamos por teléfono'», explica. Co diagnóstico xa firme, o seu marido e os seus tres fillos quixeron póla nas mellores mans, e aínda que ao principio ela puxo bastante resistencia, acabou aceptando que ir ao centro terapéutico que AFAFeS (Asociación de familiares de persoas con demencia e alzhéimer de Fisterra e Soneira) ten en Cee, era o mellor. «Pensaba que se ía quedar nun centro de día durante oito horas con persoas que estaban mal en todos os aspectos, que o que ía facer non lle ía a servir de nada. Pero é que AFAFeS é un centro terapéutico, ela vén previr unha deterioración máis rápida, porque a enfermidade vai ir a máis. En canto viu que lle podía axudar, aceptouno», explica Mariña Lema, a terapeuta ocupacional que xunto a Cristina, a psicóloga, encárgase de Leo.

EVITAR UNHA MAIOR DETERIORACIÓN

Leva desde principios de ano indo ao centro dúas veces por semana, e as profesionais que a atenden aseguran que a terapia está a funcionar. «Mellorar non vas mellorar, porque vai ir a máis sempre, pero si estamos a notar que se mantén, que as fases van máis lentas. Agora mesmo non hai unha perda maior que cando empezou, isto é bo. Se non tivese terapia, é moi probable que houbese unha maior deterioración, sobre todo en xente tan nova. Canto máis novo, máis rápido vai, iso é algo que está comprobado».

Leo aínda está nunha fase inicial da enfermidade. O principal síntoma é que lle custa acordarse do que acaba de pasar ou de facer ela mesma. «Á xente de momento póñolle cara e nome, -conta- pero igual disme: ‘Dime o nome de alguén que estou cansa de coñecer', e por máis que digo: ‘Quen, quen, quen', hai días que me sae e outros que non». As lentes de ver tamén se converteron nun quebradizo de cabeza. «Digo: ‘Póñoas aquí que así xa as vexo', e acórdome de pensar iso, pero non de onde están. Podo estar ás buscar dúas horas», explica.

Da súa infancia, da súa voda, dos seus fillos, dos seus netos, mesmo dos seus avós, os recordos permanecen intactos. Con todo, do que comeu hoxe non se acorda. A memoria recente e a coordinación son as áreas que máis afectadas ten, por iso, no centro fan máis fincapé noutras que aínda mantén intactas, como o cálculo e a orientación «para que non se perdan o día de mañá». «Se ten a memoria recente afectada, que é o seu caso, o que che comentaba da síndrome da punta da lingua, non lle imos a pór 20 fotos diante para que adiviñe que había, porque sabemos que con tres xa lle vai a custar. Non se trata de que consiga 20, porque non o vai conseguir nunca, pero si de que non perda o que ten. O noso obxectivo é manter capacidades residuais a través de todas as áreas. Naquelas que ten máis afectadas facemos exercicios con menor dificultade, e nas que non, pomos maior desafío», explica Mariña.

A día de hoxe, Leo desenvólvese perfectamente soa, «é bastante autónoma», di o seu terapeuta, e en actividades da vida diaria non necesita intervención. «Eu paso o ferro, limpo, friego e barro. Poida que non me acorde que acabo de varrer e fágao de novo», apunta Leo. A parte de ludoterapia cobra especial relevancia en casos como o de Leo, que ao deixar de traballar, -durante un tempo estivo ao facer nun posto adaptado no que non influían as súas perdas de memoria, pero finalmente acabou deixándoo- viu limitadas as súas relacións sociais. Pero non hai nada que unha partida de bingo con utensilios ou animais no canto de números, de parchís ou mesmo un trivial de nomes de muller entre compañeiros non solucione. Agora ben, se hai unha actividade feita para ela, ese é o horto terapéutico. Como estivo toda a vida traballando no campo, coidar a plantación adquire un significado enorme. É a «responsable» do terreo, e debe lembrar certas tarefas, así que este liderado lle fai sentirse útil.

Os que a coñecen descríbena como alguén moi alegre, moi sociable e con moito sentido do humor, que ás profesionais do centro custoulles pillar. E ela apunta algo máis: «Era unha persoa de moita memoria, lembraba os fregavos que me contaban os meus avós perfectamente, pero agora xa nada». Tampouco pode gozar vendo unha película na tele como antes, porque agora lle custa entendelas, e iso réstalle interese. Pero mentres queden os paseos matutinos coas amigas, que lle quiten o bailao... E de momento, non se esqueceu da cita un día.