Miguel Rodríguez: «Para min o primeiro é ter a carreira»

Laura Veiga / A. L. RIBEIRA / LA VOZ

MAZARICOS

j. parri

ATLETAS DO ATLÁNTICO | Porteiro do Mazaricos, gañador da Liga da Costa, cumpriu os seus obxectivos desta tempada: gañar a liga e ser o menos goleado

22 jul 2019 . Actualizado ás 15:45 h.

Ten só 26 anos e nesta tempada foi o porteiro menos goleado da Liga da Costa. Comezou no mundo do fútbol grazas a un tío seu, co que comezou a xogar na casa e, tras parar varios tiros del, díxolle que fose xogar onde traballaba como adestrador. Así, comezou na portería do Milladoiro e, despois duns anos, fichou polo Calo. Tamén xogou na Liga Galega, en Primeira Rexional e en Terceira División. Após de estar no Mazaricos e marchar, volveu a este equipo o ano pasado. Miguel Rodríguez di que dende ben pequeno foi destacando na portería e cre que onde mellor o fai é nos saques, así coma no xogo de pés e no aéreo. Agora, ademais de xogar no equipo de Mazaricos, está estudando o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

-O fútbol é só unha afección ou pensa en chegar máis arriba?

-Con 17 anos miras o fútbol con metas altas, pero chegas a un equipo de Terceira División e ves que non che dan moitas oportunidades, desanímaste un pouco e o ambiente tampouco é o mellor. Noutros equipos de categorías máis baixas hai una relación máis estreita cos compañeiros e estou máis contento. Por iso decidín que o fútbol ía ser unha afección máis. Con 26 anos non se sabe onde vou acabar, aínda podería chegar lonxe, pero non é a idea que teño agora.

-Como senta ser o porteiro menos goleado da tempada?

-É unha satisfacción. Cando me ficharon puxeron moita confianza en min porque buscaban seguridade na portería. Ao comezar a liga díxenlle ao presidente que quería que gañásemos, pero que a nivel persoal ía intentar ser o menos goleado, así que estou moi contento porque se cumpriron as dúas cousas.

-E ascender a Primeira Autonómica?

-Pois senta moi ben. Este ano imos ter que traballar algo máis duro que o curso pasado, porque a Primeira é unha categoría máis. Non é que suba moitísimo máis o nivel, comparado coa Segunda, pero hai equipos máis competitivos. Eu penso que podemos permanecer nesta categoría e quen sabe se aspirar a Preferente.

-Cal pensa que é a chave: ser un equipo defensivo ou facer boas paradas?

-Un pode ser unha estrela, pero se che lanzan vinte tiros en cada partido, un gol sempre acaban entrando na portería. Ao final en conxunto temos que estar ben, se eles teñen dous fallos eu intento corrixilos, e ao revés.

-Cal é o plan para o ano que vén?

-Teño que recuperarme da lesión que tiven. Xogando un partido cuns amigos fixen unha pisada rara e rompín o tendón de Aquiles. Foi da maneira máis parva, pero agora ata pasar o Nadal non poderei axudar ao equipo.

-Cales son os seus obxectivos agora?

-Para min o primeiro é ter a carreira e facer o mestrado de profesorado. Logo quero sacar unhas oposicións e optar a unha praza, pero é complicado porque é un proceso moi longo. Ese é o meu primeiro obxectivo. En canto ao fútbol, quero recuperarme e seguir xogando no Mazaricos mentres sigamos estando o grupo de colegas que estamos. Nalgún momento se terá que desfacer por cousas da vida, pero é un destino que queda moi lonxe. A partir de aí supoño que cambiarei a un equipo que me quede máis preto. Gustaríame acabar no Calo, pero cantos máis anos estea no Mazaricos cos meus amigos, mellor.

O maior rival: o Corme. Esta tempada, ou Corme destacou para Miguel Rodríguez coma o rival que máis esforzo lles custou porque tiveron que pelexar ata o final. «Temos un nivel moi similar e os partidos con eles sempre foron os máis competitivos, por iso tamén foron os que máis gocei», confesa o porteiro.