As axudas da PAC deixaron máis de 4,3 millóns na comarca

A.L. RIBEIRA / LA VOZ

MAZARICOS

CEDIDA

Ata o 30 de abril poderanse pedir as subvencións do 2019

14 feb 2019 . Actualizado ás 13:06 h.

As axudas do a Política Agraria Común (PAC) son esenciais para os gandeiros e agricultores de toda a comarca pero, moi especialmente, para os de Mazaricos, posto que dos 4,3 millóns que se ingresaron por este concepto o ano pasado, algo máis de 3,4 foron destinados aos propietarios de 635 explotacións mazaricas. Así o explicou hoxe o delegado provincial da Xunta, Ovidio Rodeiro, que xunto co alcalde do municipio, Juan José Blanco, visitaron as instalacións de Gandería Sar Serráns, onde sinalou que a contía percibida neste concello durante o ano pasado «supera incluso o seu orzamento municipal, que son 2,5 millóns de euros».

Rodeiro lembrou que este programa está financiado polo Fondo Europeo de Garantía Agrícola (Feaga), e que está vinculado á superficie destinada a cultivos proteicos para a alimentación animal ou á produción de legumes de calidade, así como a explotacións que manteñan gañado vacún, ovino e caprino.

Impulso á mocidade

«Para as zonas rurais, estas axudas son as máis importantes, tanto polo número de beneficiados como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento», apuntou o representante autonómico.

Así mesmo, lembrou que ata o 30 de abril estará aberto o prazo de solicitude para as subvencións da PAC deste 2019.