As vacas felices son máis rendibles para os produtores lácteos

Xoán Ramón Alvite Alvite
xOÁN rAMÓN ALVITE MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

alvite

Os animais que gozan de comodidades producen máis e mellor leite e sofren menor número de enfermidades

08 oct 2019 . Actualizado ás 14:06 h.

As vacas felices dan máis e mellor leite, enferman menos e, xa que logo, son máis rendibles para os gandeiros. E nesas están os profesionais barbanceses, que non aforran esforzos nin diñeiro para proporcionar aos seus animais os máximos coidados e comodidades.

Desde alfombras de goma ou mesmo palla para garantirlles un bo descanso, ata ventiladores no teito cos que facer fronte ás calores estivais, pasando por un sistema de alimentación individualizado ou por controis veterinarios xornais. Calquera medida está ben vista se se enfoca a mellorar o nivel de cowfort , un concepto creado nos Estados Unidos que busca, precisamente, o máximo benestar animal.

Sabedores da importancia que ten este asunto para a súa economía, os gandeiros máis punteiros da comarca dan aos seus animais tratamentos similares aos que reciben eles. É dicir, controis podológicos xornais -o que en humanos viría sendo unha pedicura- sesión de barbería en forma de trasquilado e, mesmo, relaxantes tratamentos exfoliantes que lles aplican uns rodetes de púas instalados en moitos cortellos.

A actividade dos animais nas granxas máis modernas está totalmente monitorizada a través dun colar ou un podómetro. Ambos os sistemas controlan os rexistros diarios do animal e descárganos nun computador onde o gandeiro pode analizar os datos. Outro tanto sucede cos sistemas de ordeño, que velan de forma constante pola saúde das ubres dos animais.