Cartón e destreza para levar un muíño ao colexio da Picota

Xoán Ramón Alvite Alvite
xoán ramón alvite MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

Alvite

Os alumnos de secundaria fixeron unha estrutura con material de refugallo que semella real

24 abr 2018 . Actualizado ás 07:38 h.

Aínda que reciclaxe e imaxinación son dous termos que, en aparencia, pouco teñen que ver, en múltiples ocasións adoitan ir da man. Dende logo, cando se trata do colexio público (CPI) da Picota, en Mazaricos, resulta imposible separalos tendo en conta a variedade de cousas sorprendentes que son capaces de crear empregando material de refugallo.

A última delas foi a transformación dun pequeno despacho de departamento nun vistoso muíño de río ao que non lle falta detalle. Dende a moega onde se deposita o gran ata a moa onde se tritura, pasando polas paredes, o teito ou incluso o chan, todo está coidado ao milímetro nunha recreación que conta coa particularidade de estar feita totalmente con papel e cartón reciclados. Con distintas técnicas e pinturas conseguiron darlle unha aparencia similar á da pedra ou á da madeira envellecida.

«A verdade é que lle acabamos coas caixas aos supermercados da Picota porque se utilizou bastante material para facer un muíño o máis parecido posible a un real», apunta María Dolores Otero Romero, directora do CPI A Picota, que se desbota en eloxios para todo o profesorado e alumnos do centro que participaron no proxecto de coñecemento do patrimonio cultural galego incluído no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe).

«Aínda que o muíño é a parte máis vistosa, o certo é que se fixo un traballo excelente en múltiples aspectos. Houbo unha participación activa de todo o centro, polo que teño que felicitalos a todos».

Colaboración dun artista

Especialmente destacable foi, sen embargo, o labor de Álvaro de la Vega que compaxina a súa faceta artística -é un consagrado escultor e ceramista- coas clases de plástica no centro. Del foi a idea e a coordinación do traballo que, durante meses, levaron a cabo os rapaces de ensinanza secundaria. «Uns máis e outros menos, pero todos aportaron algo, dun xeito ou doutro», apunta Álvaro de la Vega que, coa modestia que o caracteriza, quita importancia a unha obra que deixa impresionados a todos os que a ven.

Non é para menos, porque á propia construción do muíño fóronselle achegando todos os elementos que adoita haber neste tipo de construcións. Desde o ferrado no que se medía o gran ata a xesta coa que se limpaba. Tamén hai sacos de fariña ou, incluso, os restos das pequenas fogueiras que, dependendo das zonas, se prendían para facer fronte ao frío intenso das noites de muiñeira.

Dende o centro educativo de Mazaricos manifestan descoñecer ata cando vai estar instalado o muíño. O que si queren é que o vexa o maior número posible de persoas polo que estudan a posibilidade de enviar unha comunicación a todos os pais de alumnos para que os que o desexen, poidan contemplalo. A visita, dende logo, ben vale a pena.