Villaverde apela á lealdade «cara ou pobo de Lousame»

Alvite

LOUSAME

cedida

A reelixida alcaldesa tendeu a man aos grupos da oposición

16 jun 2019 . Actualizado ás 18:19 h.

Emoción e agradecemento. Son as dúas palabras que mellor resumen a sesión plenaria de onte en Lousame. A elección da alcaldesa, como era de agardar, foi a prevista dada a maioría folgada obtida por Teresa Villaverde. De feito, a rexedora quixo agradecer no seu discurso o apoio dos veciños: «Sinto unha mestura de agradecemento, de profunda satisfacción e de responsabilidade», apuntou xusto antes de que as bágoas aparecesen no seu rostro ao agradecer o traballo relizado polos compañeiros da lista e o apoio incondicional da súa familia.

Villaverde Pais dixo asumir o seu cargo desde o compromiso fundamental da honestidade, á vez que prometeu «gobernar estes catro anos con lealdade absoluta cara o pobo de Lousame. Cos meus acertos e os meus erros, primará sempre, por amais de ideoloxías políticas, o interese xeral dos veciños».

Neste sentido, a alcaldesa tendeu a man aos grupos da oposición e pediulles a mesma lealdade que lles ofrecía «non cara a miña persoa, senón cara o pobo de Lousame». Sinalou que a cidadanía apostou por dar maioría á súa formación para que exista un goberno estable, aínda que incidiu na importancia de buscar consensos básicos en temas importantes.

Tamén interveu o edil do BNG Anxo Moledo para anunciar «unha oposición intensa e continua dende o primeiro día, tal e como me ensinou unha persoa que hoxe non pode estar aquí con nós», en referencia á recentemente falecida Ánxela Franco.

DATA E LUGAR DE NACEMENTO

Teresa Villaverde Pais naceu en Noia en 1960.

PROFESIÓN

É licenciada en Filoloxía Hispánica e diplomada en Maxisterio.

CURRÍCULO

Ocupou diversos cargos desde que foi elixida concelleira no 2003. Foi deputada e xefa provincial de Educación na Coruña.