Mato: «Teño 43 anos, non sei por que estraña tanto que siga xogando»

LOUSAME

MARCOS CREO

O lousamiano afirma que mantén intacta a ilusión polo fútbol, aínda que xa pensa en pasar a veteranos

17 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Hermo Mato, natural de Lousame, se calza as botas e salta ao campo para xogar ao fútbol hoxe en día coa mesma ilusión que tiña cando era un neno. É o que afirma o deportista, que agora ten 43 anos e cumpre a súa décimo oitava tempada enfundándose a camiseta do Cruído. No club din que é o avó da categoría, pero é un detalle ao cal el non lle dá importancia: «Supoño, pode ser. Teño 43 anos, non sei por que estraña tanto que siga xogando», chancea.

Mato, como o coñece todo o mundo, militou no Lousame ata que o conxunto desapareceu, e tras pasar por un equipo de Noia recalou no Cruído. «Son da aldea do lado e o campo quédame preto da casa. Empecei e fixen amigos, de feito dous dos mellores que teño atopeinos xogando ao fútbol», comenta.

O tempo foi pasando «e os de toda a vida fórono deixando», apunta, aínda que iso non é un contratempo xa que, di: «Lévome ben coa mocidade, a diferenza de idade non é un problema. Falo tanto cun de 20 como con outro que ten 40».

«O soldo está ben gañado»

A pesar de amar o deporte rei e de non ter intención de deixar de darlle patadas a un balón, Mato recoñece que «a retirada aproxímase e haberá que ir cos veteranos, que o ritmo é menos esixente. Agora pesa ir aos partidos os domingos e deixar aos sobriños na casa, que é o día que veñen ata aquí. Iso é o que peor levo, e tamén é certo que a idade condiciona para xogar e adestrar. O soldo está ben gañado».

Non pensa en abandonar por completo o balompé porque «estea como estea, as horas que paso adestrando ou competindo son un alivio para min. Faime feliz e por iso xogo. A xente aínda me di que teño boa gana de acabar de traballar e ir para o campo, e para min iso é descansar. Por suposto non fisicamente, pero si mentalmente».

O eterno capitán do Cruído asegura que segue moi motivado e que lle gusta que «acudan aos encontros os amigos cos fillos e que os rapaces me veñan ver e animar. Faime moita ilusión, aínda que creo que xa cumprín de sobra». Da súa etapa deportiva di que leva as amizades e «os valores que transmite, que serven moito para o día a día. Ti ves como adestra e xoga unha persoa e sabes como actúa e como é na vida».

Home de equipo

A influencia de Mato o conxunto lousamiano non se deixa sentir unicamente no terreo de xogo, senón que tamén ten moito peso no vestiario. Mato é un home de equipo, dos que unen a un persoal e a unha entidade: «Gústame colaborar para facer grupo. Vou ver aos pequenos e gástolles bromas. Quero que todo o mundo se sinta ben no club e crear bo ambiente no vestiario. Xa que non cobramos, polo menos botar unhas risas. Cando chega un novo, eu xa lle digo que sigo aquí pola ducha gratis e polas ceas», comenta. Aos mozos non lles dá consellos, xa que el é dos que pensa que «é mellor que aprendan a base de vivir experiencias».

No apartado deportivo, tamén traballa pensando no colectivo: «Sempre digo que son defensa. Fixen de central e de lateral, xoguei pola banda esquerda moito tempo aínda que son destro. Non paso do medio do campo para adiante e ata cando temos un córner non subo a rematar e quedo pechando. Preocúpome máis de gardar as costas que de atacar». As súas palabras reflicten o seu carácter altruísta: «Traballo para o equipo, é o que me gusta. Prefiro que non se note que estou no campo que destacar. Cada un ten a súa función».

Aínda que vaia a colgar as botas e a pesar de ter unha boa relación cos mozos e os nenos que forman parte do Cruído, Mato non se ve sentado nun banco: «Hai que valer moito. Eu teño un carácter forte que non creo que encaixara ben».