Saborido convértese no primeiro alcalde socialista de Carnota

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

MARCOS CREO

Tomou posesión do cargo bastante enojado, pola hora á que se fixo o pleno, e mirando de esguello ao resto de partidos

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Juan Manuel Saborido Rama, Moma, é desde onte o novo alcalde da localidade de Carnota. É, segundo explicou, o primeiro mandatario socialista da democracia, polo que se sente moi orgulloso por poder conseguir a cadeira de brazos presidencial da corporación para o seu partido. Con todo, recoñeceu que a de onte foi unha mañá de moitos nervios e mesmo rematou bastante enfadado.

O acto de toma de posesión foi moi sinxelo. Talvez máis do agardado, pois o pleno tivo unha duración duns 15 minutos. A mesa presidírona o nacionalista Manuel Souto e a socialista Sandra Fernández. Nada máis tomar posesión das súas actas, procedeuse á elección de alcalde. Os tres candidatos dos partidos que se presentaron aos comicios postuláronse para o cargo, polo que o BNG recibiu cinco apoios, os mesmos que o PP e tres o BNG. Saborido Rama foi proclamado rexedor de Carnota por liderar a lista máis votada.

A continuación levantouse a sesión sen ningún acto protocolario. O novo rexedor non recibiu o bastón de mando, porque ao parecer non existe no Concello de Carnota, e tampouco se dirixiu á nova corporación nin aos veciños que abarrotaban o salón de plenos.

Ao finalizar o acto, o novo alcalde explicou que non as tiña todas consigo, pois temía que o BNG e o PP chegasen a algún acordo para facerse coa alcaldía: «Cando quedei máis tranquilo foi cando vin que tanto o líder do PP como o do BNG se presentaban para alcaldes».

A decisión dos nacionalistas non pasou inadvertida para o socialista, pois «había un acordo entre os dous partidos de que se apoiaría na provincia á lista máis votada ou se optaría pola abstención, pero aquí en Carnota non se dou o caso».

Outro dos motivos do enfado do mandatario carnotán foi a hora do pleno: «Fixárono para as 12.30 horas. Eu díxenlle ao secretario se era posible adiantalo, porque unha compañeira tiña unha voda e tamén era a festa en Lira, pero parece que o ex alcalde non foi partidario do cambio», subliñou.

DATA E LUGAR DE NACEMENTO

O novo mandatario carnotán naceu o 12 de maio de 1965 na parroquia de Lira.

PROFESIÓN

Juan Manuel Saborido é operario nunha piscifactoría da localidade, na que entrou a traballar hai 28 anos.

CURRÍCULO

O primeiro edil de Carnota é unha persoa con fortes conviccións progresistas. Sendo moi novo entrou nas Xuventudes Socialistas. Leva en política máis de 25 anos e ocupou o cargo de secretario de organización local. Estivo de concelleiro na corporación durante 12 anos.