O polígono de Espiñeira recibirá unha inxección de 230.000 euros para o acondicionamento de infraestruturas

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BOIRO

David Costas

Concello e Xunta cofinancian actuacións de mellora no parque empresarial boirense

02 ago 2021 . Actualizado ás 16:11 h.

Mellorar os servizos que ofrece o polígono industrial de Espiñeira ás empresas instaladas nel e facilitar a captación de novos investidores é o obxectivo das actuacións que está previsto realizar nos próximos meses grazas a unha inxección de 230.000 euros que cofinancian a Xunta de Galicia e o Concello de Boiro. Para falar das melloras previstas e dos investimentos nos recintos de naves da provincia, o vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou o parque empresarial boirense xunto ao alcalde, José Ramón Romero , e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

O polígono de Espiñeira foi beneficiario de dúas axudas da Administración autonómica por un importe superior aos 183.000 euros, co o que se agarda mobilizar preto de 230.000 euros nunhas actuacións que permitirán realizar melloras na pavimentación e a sinalización, a construción de beirarrúas e a instalación dunha ducia de puntos de reciclaxe para a recollida selectiva do lixo.

Durante a súa visita a Boiro, Francisco Conde avogou pola colaboración institucional para contribuír á dinamización do polígono industrial: «Boiro é un exemplo de dinamismo de actividade empresarial que temos que seguir apoiando a través da colaboración entre a Xunta e o propio Concello e, polo tanto, Espiñeira ten que seguir demostrando que é un motor de xeración de emprego e un motor para atraer novos investimentos, como xa o está a facer». Neste sentido, o conselleiro agradeceu ao Concello de Boiro que forme parte da iniciativa de Concellos Emprendedores.

As obras

En canto ao destino das axudas concedidas, investiranse na mellora do pavimento no viario de entrada ao parque empresarial, o pintado das marcas viarias na fase uno, a execución de beirarrúas nun tramo da fase dúas e a actuación dos sinais coa información das empresas.