O Concello de Boiro distribúe en locais hostaleiros soportes con códigos QR para acceder ao menú

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

cedida

O obxectivo é potenciar o turismo de calidade, sostible e tamén favorecer a dixitalización dos negocios

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O departamento de Turismo de Boiro traballa na dinamización e potenciación do sector hostaleiro mediante a posta en marcha de diversas iniciativas. A última consiste na distribución, entre empresarios de negocios asentados no termo, de soportes para colocar nas mesas que inclúen diversa información.

Desta forma, co material entregado os clientes poden acceder, mediante códigos QR, tanto ao menú do local en concreto no que se atopan como a información turística do municipio.

Así mesmo, desde o Concello indicouse onte que o departamento de Turismo mantén, de forma periódica, reunións cos xerentes de aloxamentos e establecementos co fin de traballar de forma conxunta.

O obxectivo é potenciar o turismo de calidade, sostible e tamén favorecer a dixitalización dos negocios. Así mesmo, perséguese crear sinerxías para ofrecer aos visitantes alternativas e iniciativas adaptadas á demanda existente.

Material plastificado

Os soportes están realizados cun material plastificado, o que facilita os labores de desinfección. Ademais, o formato elixido permite que poidan ser colocados tanto nas mesas como nos cuartos.

Desde o Concello tamén se indica que a páxina web boiroturismo.gal contén un apartado específico que está dedicado á hostalería. Neste figura unha breve descrición de cada establecemento, así como información relativa aos horarios de cociña, xornadas de apertura, teléfonos de contacto e carta. Desta forma búscase ofrecer a máxima información ao cliente.