Marcelo Benavidez, novo adestrador do Rotogal Boiro: «Queremos clasificar ao equipo para a Copa do Rey e a fase final»

BOIRO

CEDIDA

O arxentino ocupará a praza do seu compatriota Emilio Palacio, que deixou o banco tras 13 anos

27 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Marcelo Benavidez (Buenos Aires, 1968) será o encargado de ocupar o lugar de Emilio Palacio á fronte do Rotogal Boiro. Non semella un reto sinxelo tras os 13 anos na Cachada do seu compatriota. Ao seu favor xoga a súa experiencia, tanto como xogador como técnico, e as ganas de aire fresco. Tamén que a directiva do Boiro Voleibol non acostuma fallar coas fichaxes. Para iso adoitan ser seguro de éxito.

-Como se xestou a súa chegada ao equipo de Boiro?

-Hai moito tempo que existía esta posibilidade de vir a España e poder traballar como adestrador en Europa. Xa o fixen como xogador. Estiven seis anos en Italia e agardaba esta oportunidade. Atopeime cun grupo moi interesante en Boiro, con ganas de desenvolver o vóley e agrandar un pouco o equipo de traballo. Propuxéronme esta posibilidade e aceptei. Aí estarei.

-Que espera desta etapa?

-Agardo mellorar ou intentar mellorar os resultados do ano pasado, tratando de formar un equipo un pouco máis competitivo e incorporar algún xogador máis para poder conseguir mellores logros. Aínda que o de ano pasado foi unha cousa marabillosa e excelente, intentaremos tratar de levar ao equipo un pouco máis arriba este ano.

-Cónstame que seguiu a Superliga este último curso. Que tal viu o nivel?

-O nivel da Superliga, sen dúbida, mellorou moitísimo desde a tempada 18-19 á 19-20. Quedou demostrado. Hai equipos que o campionato anterior estiveran entre os seis primeiros e este ano tocoulles descender. Sin duda o nivel creceu moitísimo e creo que a tempada 21-22 vai seguir evolucionando. Escoito os nomes de xogadores que están a chegar a España e vexo que se están reforzando con gran nivel internacional.

-Tamén vostedes están a conseguir reforzos.

-Estamos a tratar de armar un equipo un pouco máis competitivo. Nalgúns postos hai xogadores que non van seguir, tiveron propostas mellores ou tiñan ganas de cambiar, e bo, nun primeiro momento temos que substituír eses lugares e ver como seguimos avanzando. Agardo formar un grupo con experiencia. Os tres arxentinos tiveron a súa primeira experiencia en Europa e creo que na segunda etapa, se logramos concretar que sigan, vannos dar un salto de calidade.

-A directiva do Boiro quere que estea aquí uns cantos anos.

-Eu vou arrincar unha tempada, e bo, durante o período 20-21 iremos vendo. Os proxectos necesitan un mínimo a catro anos para poder dar resultados. Traballaremos moito para lograr iso. Se podo quedar máis que esta primeira tempada sería o ideal, é o que me gustaría facer, pero falta moitísimo.

-Que pode achegar ao club?

-Creo que o que podo achegar é a experiencia que acumulei con grandes equipos e intentar mellorar todo o que se poida. A clave é traballo, moito traballo. Confío en que os logros se obteñen traballando moito. Agora estamos a armar un bo equipo de traballo e tirando todos para o mesmo lado. Iso vainos a dar resultados.

-Conta co seu fillo?

-Non teño dúbida de que me encantaría reter ao meu fillo, ten moita experiencia, desde moi nova xoga como profesional en Arxentina. Máis aló de que sexa o meu fillo é un grandísimo xogador.

-A nivel deportivo, que plans teñen marcados?

-Os máis altos que se poidan. Queremos clasificar ao equipo para a Copa do Rey e o fase final, e avanzar o máis que póidase. Aínda estou en Arxentina, pero temos a Emilio, Germán, Chicho, Óscar e ao noso patrocinador traballando moi duro para confeccionar o equipo. Eu vou seguir repetindo que necesitamos o apoio de todos. A idea é levar a Boiro a un equipo de primeiro nivel profesional. Toca traballar moitísimo con todos os mozos das categorías inferiores e de base. É unha das cousas ás que me comprometín. Hai que axudar e desenvolver aos mozos, tanto en breve, como nun ciclo olímpico, que son catro anos. E poder ter un equipo absoluto competitivo, e que a gran maioría de xogadores cheguen da base do club.