O Boiro xuvenil afianzou a súa melloría ante o Conxo e o cadete debutou gañando ao Amio

A voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Por xogo e boas sensacións, xa lle tocaba ao Boiro xuvenil sumar a súa primeira vitoria. Logrouno este domingo, en Valiño

06 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Por xogo e boas sensacións, xa lle tocaba ao Boiro xuvenil sumar a súa primeira vitoria. Logrouno este domingo, en Valiño , fronte a un Conxo-Santiago que se viu superado polo conxunto barbancés que rematou gañando por 2-1.

Os autores dos goles locais foron EloyOzores , que adiantou ao seu equipo antes do descanso, e Mario Regueiro, que deixou practicamente sentenciado o duelo na recta final da segunda metade. Aínda que o Conxo se achegou no marcador no tempo de desconto, o Boiro foi capaz de facer valer a súa renda e romper a mala serie que padecera neste arranque da Liga Galega.

O que si levou mellores sensacións foi o conxunto cadete do EFM Boiro, que debutou este domingo en Amio con vitoria por 0-2. O equipo de Roberto Peleteiro foi o gran dominador do duelo e adiantouse o en minuto 13 cun tanto de Alejandro Alonso. O definitivo 0-2 chegou xa no segundo tempo, obra dun acertado Raúl Alonso. O seguinte rival dos barbanceses será o Escola Estrada, ao que se enfrontarán esta fin de semana no campo de San Martiño.