Os anxos da garda de Boiro

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

carmela queijeiro

Dous axentes da Policía Local lograron salvar a vida a un home que sufrira unha parada cardíaca

29 may 2020 . Actualizado ás 21:26 h.

Debaixo do uniforme de policía local, Fran Alcalde e Alberto Alonso ben poderían levar un traxe de superheroe. Deses que non precisan capa, pero que dan a forza e determinación suficientes para saber actuar nas situacións máis difíciles. O destino quíxoos pór a proba este martes, cando estaban organizando os postos do mercadillo de Boiro que acababa de renovar a súa actividade despois de meses sen celebrarse pola crise do covid-19.

«Eran sobre as 8.45 cando recibimos unha chamada dicindo que había unha persoa no chan ao carón da piscina municipal, e que non reaccionaba. Saímos voando, en un minuto ou incluso menos xa estabamos alí», apunta Alcalde. Ao chegar ao lugar viron que había un home tirado boca abaixo ao lado dunha máquina cortacésped, «e que tiña a cara totalmente violeta, case negra, e non lle atopabamos o pulso», engade Alberto Alonso.

Ao principio non sabiamos moi ben se era polas bocanadas de aire que lle dabamos ou se se estaba recuperando»

Sen pensarllo dúas veces, déronlle a volta e comezaron a realizarlle as masaxes de reanimación cardiopulmonar. Ambos asistiran aos cursos na Academia Galega de Seguridade, pero afortunadamente nunca tiveran que pór en práctica o aprendido. Ata ese momento. Durante preto de 15 minutos «que se fixeron eternos» non pararon de auxiliar ao home, ata comprobar que aos poucos ía recuperando a cor na cara, e que mesmo comezaba a respirar por el mesmo. «Ao principio non sabiamos moi ben si era polas bocanadas de aire que lle dábamos ou si se estaba recuperando», confesa Alcalde, que agradeceu moito a chegada dos sanitarios para collerlles a substitución.

Helicóptero

Pero non acabaría aquí o seu traballo e, unha vez que deixaron ao infartado en mans dos médicos, ocupáronse de toda a loxística do suceso, intentando localizar por teléfono á familia do home, á empresa para a que traballaba, ademais de coordinar a chegada do helicóptero de urxencias que trasladou ao traballador ao hospital de Santiago. É alí onde se está recuperando e comeza a lembrar algo do sucedido, dando as grazas por esta segunda oportunidade que lle chegou da man de dous anxos da garda vestidos de uniforme.

De feito, o primeiro que lle dixeron os médicos a estes policías locais foi que a súa actuación fora fundamental, e que, probablemente, se non fose por eles agora mesmo estariamos a falar dun desenlace tráxico. «Fixemos o que tiñamos que facer», sentenza Alonso, para logo engadir que o seu traballo consiste en estar ao servizo da cidadanía.

O mesmo opina Fran Alcalde, e lamenta que moita xente só vexa o lado menos bo da Policía Local, e asócieos sempre a meter multas e deter delincuentes. «Sempre estamos para todo ou para case todo, e por unha vez vemos que o noso traballo vale de algo e ten recompensa».

Pasados uns días do sucedido, e xa sen a adrenalina do momento, ambos se senten moi satisfeitos de ter podido axudar a salvar unha vida, algo que lles valeu o recoñecemento dos seus compañeiros e tamén dos seus veciños, que non pararon de felicitalos.