Nova cara para o Touliña boirense

M. X. B. RIBEIRA

BOIRO

O negocio hostaleiro situado en Praia Xardín reabriu as súas portas tras unha reforma integral

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Pola súa estratéxica situación, a poucos metros da area de Barraña, o Touliña é un dos negocios hostaleiros de referencia en Boiro. Ten ao seu favor a ampla traxectoria, forxada ao longo das máis de dúas décadas que leva aberto ao público. E desde a pasada fin de semana, tamén suma puntos a renovada imaxe que loce. Tras un tempo pechado por reformas, o establecemento reabriu as súas portas cunha festa e puido así mostrar aos clientes a súa nova cara, unha estética sinxela e á vez moderna.

O propietario do negocio, José Pablo Outeiral, confesaba que esta actuación era necesaria. A última reforma levouse a cabo hai 12 anos e o bar xa pedía unha renovación: «Cambiamos fiestras, portas, iluminación, decoración... Foron unhas obras importantes, que non afectaron á estrutura do local, aínda que si nos permitiron gañar algo de espazo».

Incluso a terraza, un dos ganchos deste establecemento, pois ofrece unha panorámica impresionante da praia de Barraña e da ría de Arousa, viuse beneficiada coa remodelación. Esta parte exterior do bar foi pintada e dotada de novo mobiliario.

Cambios na carta

Nesta nova etapa que acaba de emprender, o Touliña tamén introducirá pequenos cambios na súa carta. A idea é seguir mantendo unha base que está integrada polos manxares do mar, entre os que destacan especies como mexillóns, luras, polbo e zamburiñas; pero José Pablo Outeiral quere darlle un toque innovador a outros produtos, como as hamburguesas e os bocadillos.

O abano de racións e pratos combinados é un dos puntos fortes dun establecemento que moitos elixen tamén para empezar o día: «Abrimos cedo, ás sete da mañá, e funcionamos moi ben a nivel de cafés», apunta o hostaleiro.

Para atender á clientela, José Pablo Outeiral ten, como mans dereitas, ás súas dúas irmás, Silvia e Ana. Tamén conta coa axuda de Fran, que acoden con frecuencia como extra. O persoal verase ampliada proximamente, cando arrinque a tempada alta.