O xardín que reúne un millar de plantas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Ten especies propias dos cinco continentes e conta con 600 variedades de camelia

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Comezou sendo a inmensa horta dunha casa de labranza que Ana Calo, unha tola das plantas, transformou nun gran xardín. De nena fixera a súa propia plantación no piso no que vivía en Boiro, aproveitando os vasos de iogur, e con 16 anos, cando se trasladou á casa dos avós e se topou con 12.000 metros cadrados de terreo, tivo por fin ocasión de desenvolver a súa paixón. Pouco a pouco, foi convertendo os terreos de cultivo nun xardín. Hoxe ten preto dun milleiro de especies diferentes. A raíña é a camelia, da que reúne máis de 600 variedades distintas.

En pleno proceso de transformación, este museo natural empezou a espertar o interese dos veciños. Eran moitos os que se asomaban ao muro da finca para tratar de ver as plantas e algúns mesmo lle solicitaban á artífice desta obra, Ana Calo, acceder ao interior. Hai cinco anos, a horta chamou a atención do alcalde de Boiro, Juan José Dieste, que puxo amais da mesa a posibilidade de abrila ao público. Desde entón, foron unhas dúas mil as persoas que a percorreron.

Aínda que o gran tesouro son as plantas, pois hai especies propias dos cinco continentes, a finca ten outros atractivos. Nela viven paxaros, galiñas, faisáns, peixes, tartarugas... e cando chega o bo tempo, mesmo é posible ver ras, libélulas e fermosas bolboretas. Hai un recuncho especial dedicado á etnografía, un vello muíño de pedra que conserva todas as pezas.

Ademais de ser a artífice deste museo natural, Ana Calo exerce de guía para os grupos que concertan visitas pola que bautizou como a Casa das Camelias. Ao longo dun par de horas explica as características das especies máis importantes e singulares do seu xardín e mesmo se para a comentar as propiedades que teñen algunhas delas: «As sementes da camelia recóllense para elaborar un aceite que é moi bo para a cicatrización, as estrías e varios problemas da pel».

Un recuncho paradisíaco

Aínda que nisto das plantas, como en case todo, os gustos son variados, a boirense asegura que as camelias, cando están na época da floración, constitúen o principal gancho. Pero hai outros: «Da zona do río chegaron a dicirme que era un lugar tan idílico que parecía o paraíso no que naceran Adán e Eva. Alí hai unha orella de elefante, cuxas follas poden chegar a cubrir por completo a unha persoa de baixa estatura. Tamén hai calas de diferentes tipos, papiros e, no verán, case sempre se achegan patos salvaxes».

En contra daqueles que poidan pensar que un atractivo turístico deste tipo debe ser visitado na primavera, Ana Calo sostén que no seu xardín hai flores todo o ano: «Agora é un bo momento para ver o helleborus, con flores de diferentes cores, e no outono están as dalias, que chegan aos catro metros de altura. En agosto, por exemplo, teño hibiscos de máis de 20 centímetros de diámetro, como pratos. Cada planta hai que vela na súa estación e aquí hai de todas».

Ademais, a boirense está continuamente introducindo novidades na finca: «Teño unha colección de hortensias que impresiona polas cores, que van desde o rosa ata o azul, pasando polas que cambian de cor. É un mundo semellante ao das camelias, con moitas variedades, polo que é un espazo que vai medrando pouco a pouco». Tamén está creando un recuncho para as rosas e outro para os cactos.

Ana Calo recoñece ao seu pesar que hai algunha que outra especie que se lle resiste: «Sobre todo as propias dos climas tropicais». Pero nunca deixa de tentar facer realidade os seus soños: «Cando me interesa unha especie, non paro ata conseguila, despois xa me perde mérito e vou a por outra». A recompensa son os aplausos dos visitantes e os ánimos que lle dan para que siga.