O Concello de Boiro estudará a posibilidade de implantar puntos de recarga para coches eléctricos

ribeira LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O goberno elaborará un plan de vixilancia e de limpeza do litoral do municipio

17 ene 2020 . Actualizado ás 21:30 h.

A sesión plenaria celebrada en Boiro correspondente ao mes de xaneiro deixou varios acordos por parte da corporación municipal. Un deles chegou tras unha moción presentada por Boiro Novo, que pedía a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos. A portavoz da agrupación, Doures Torrado, argumentou a súa proposta en que as previsións indican que na próxima década o 15 % dos coches serán eléctricos e o 30 % híbridos enchufables. Por iso, solicitou que o goberno planificase a colocación de zonas de recarga: «Os concellos son os primeiros que teñen a capacidade de facelo e se non impulsamos a súa implantación, os veciños terán difícil adquirir este tipo de automóbiles».

Así mesmo, Torrado considerou importante que os dous aparcadoiros da localidade conten con puntos de recarga e aproveitou a ocasión para solicitar a reapertura do aparcadoiro da Boqueira da Negral. Por parte do executivo, Luis Ruiz manifestou que esta é unha cuestión que xa estaba nos seus plans e que estudarán pedir axudas para executala: «Sabemos que hai empresas suministradoras que apoian a instalación». A proposta de Boiro Novo foi aceptada con 10 votos a favor (PSOE. BNG, Boiro Novo, IC Boiro e Cidadáns) e a abstención do PP.

Limpeza de praias

Por outra banda, tamén saíu adiante a moción do BNG sobre a adopción de medidas para a conservación das praias do municipio. Os nacionalistas, como explicou o edil Carlos Ansoar, demandou que o goberno municipal elaborase un plan de vixilancia e limpeza do litoral que non se limite ou circunscriba a momentos concretos do ano. Por outra banda, o BNG tamén pediu que se instalasen sinais informativos a preto da importancia de ter en boas condicións os areais durante todo o ano, con mención expresa ás infraccións e posibles sancións para aqueles que non respecten a contorna. Ansoar indicou que esta medida era «moi necesaria» xa non só por imaxe, senón tamén «por unha cuestión de saúde pública».

A única dúbida que lle xurdiu neste tema ao goberno expúxoa Luis Ruiz, manifestando que se o que se pretendía era que as praias se limpasen da mesma forma no inverno que durante o verán sería algo inviable economicamente falando. Tras aclarar que o que se demandaba era a elaboración dun plan de vixilancia e limpeza, a moción foi aprobada por unanimidade.

Outros temas

Na sesión plenaria debatéronse máis temas. Entre eles a proposta do executivo local de realizar un convenio de colaboración coa Xunta para a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso á escala básica, na categoría de policía, ao corpo da Policía Local de Boiro. Non tivo sorte o goberno neste caso, xa que necesitaba que todos os grupos votasen a favor e BNG, Boiro Novo, Cidadáns e PP decidiron absterse.

Tampouco frutificou a moción presentada polo PP para instar o goberno central a que «non se leve a cabo ningún acordo que vulnere o establecido na nosa carta magna e resto do ordenamento xurídico español». IC Boiro abstívose, pero o resto de grupos, salvo os populares, votaron en contra. Onde si atopou apoio de PSOE e Cidadáns o PP foi na moción presentada en relación co proxecto da reforma da lexislación de Costas.

Por unanimidade aprobáronse a moción de Boiro Novo para a adopción de medidas de flexibilización dos pagamentos ás persoas afectadas pola regularización catastral e a proposta remitida pola Mancomunidade Arousa Norte para solicitar a dotación dunha ambulancia medicalizada do 061 con base no hospital de Barbanza.