«É unha mágoa que a xente non teña coñecemento do noso medio»

VÍCTOR BARBEITO

BOIRO

MATALOBOS

Dirixe con gran paixón as visitas á exposición Mar de Boiro

20 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Trátase dunha persoa entrañable, modesta e bondadosa, cunha singular imaxe que non pasa desapercibida ao común dos mortais; con longo cabelo e faccións moi marcadas e un físico con ausencia total dun gramo de graxa, non por un culto desmedido á súa imaxe senón, quizais, polo tipo de alimento que inxire. Afastado da carne dende moi cedo, goza puntualmente dalgún peixe, aínda que o habitual no seu prato son os vexetais, con especial énfase nas leguminosas.

Un gran conversador, cun repertorio temático amplísimo, talvez froito da súa peripecia vital que o levou polos mares de medio mundo: Libia, Nixeria, Camerún... forman parte da súa bagaxe. Activista ambiental fortemente comprometido co medio, participou en numerosas iniciativas, entre as cales garda unha especial significación pola relacionada co Galerno, barco encargado de trasladar no ano 1987 parte da carga do naufraxio do Casón, que terminara varado na costa fisterrá. O Galerno trasladou 80 bidóns e 3 colectores con material de natureza «descoñecida» dende augas galegas ao porto de Ámsterdam.

Garda especial recordo dos programas televisivos cos que colaborou, como Senda verde, Galicia paso a paso, ou Finisterrae, emitidos ao longo da década de 1990, e nos primeiros anos da década seguinte na televisión galega; e da súa participación en limpezas de refugallos en numerosos ríos, ou das andainas contra os lumes forestais, que partían dende Cea (Ourense), pasando polas catro provincias, para rematar na praza do Obradoiro logo de 125 kilómetros percorridos sen descanso, día e noite.

Dende hai máis dun lustro, ten a súa morada en Escarabote (Boiro) e desenvolve un labor con extremada paixón no peirao crucense.

-Xaquín, que fas por Cabo da Cruz?

-Pois dende hai xa catro anos encárgome de amosarlle ao público unha colección de obxectos e elementos varios relacionados coa explotación dos recursos mariñeiros na ría de Arousa, con especial énfase no litoral boirense, que se chama Mar de Boiro, co apoio do Concello.

-Que podemos ver nesa exposición?

-O conxunto é moi diverso, dende elementos relacionados coas artes de pesca, como son as nasas ou as redes, ata o cultivo do mexillón, un sector fundamental de desenvolvemento do litoral arousán, xa que é a ría con maior número de polígonos de bateas e cun grande arraigo histórico. Amais disto, teño unha pequena representación dos moluscos e da forma de capturalos que lle resulta de gran interese ao público que se achega á exposición.

?Como e cando comezou o teu interese polo mundo mariñeiro?

-Dende pequeno tiven gran inquietude polo mar; quizais a proximidade da residencia familiar e practicar a pesca os domingos decantou o que foi a miña vida profesional en primeira instancia, aínda que logo fixen unha viraxe de cento oitenta graos e comecei unha nova andaina, como empresario.

?Cando empezaches a coleccionar?

-Pois dende moi cativo, aínda que o incremento exponencial da colección foi a partir da miña etapa como mariñeiro: o andar embarcado permitiu ir visitando distintos lugares e adquirir cousas que aquí non era posible naquel entón.

?Que destacarías da túa colección?

?(Dubitativo) Quizais algúns caracois, certas bucinas curiosas, ou algún raro coral que hoxe sería imposible conseguir, e que agora son pezas únicas.

?É a primeira exposición que organizas?

-Non, antes tiña feita algunha outra pero moito máis modestas, como a realizada na Casa dos Veciños de Comoxo relacionada co mundo do mar e coa minaría, ou mesmo outra que tivo lugar no Centro Social de Boiro na que expuxen unha parte da miña colección de cunchas.

?Como valoras a experiencia?

-En xeral, a experiencia é moi positiva. Resulta moi gratificante ver a xente marchar contenta tras da visita á exposición, e que recoñezan o teu labor como guía.

?Cal é a parte máis agradable do labor que desenvolves? E a máis ingrata?

-O ver que a xente sae cun sorriso nos beizos e convencida do que acaba de ver. Quizais, o máis ingrato, sexa manterse á expectativa agardando visitas en determinados momentos. Ás veces, é unha magoa que a xente non teña coñecemento do noso medio ou da nosa historia. Ao fin é ao cabo, estamos amosándolle algo único, unha experiencia distinta, da que seguro quitarán bo proveito.

?Cales son as previsións a futuro?

-Acabo de recoller a exposición e temos previsto o seu traslado. Actualmente está nunhas instalacións de alugueiro e hai intención de instalala en dependencias municipais, concretamente na zona de Escarabote. Gustaríame que estivese de novo funcionando cara a principios da próxima primavera, teño algúns proxectos que me apetecería levar a cabo nesta nova andaina.

Estamos seguros de que, nesta nova andaina, Xaquín, gran entusiasta e proactivo como é, deparará novas sorpresas, cargadas de sabedoría, e transmitidas de forma modesta e amena, sempre disposto a aprender e a ensinar. Amigo dos seus amigos, sempre presto a botar una man, ou as dúas, se a situación o require.

ILUSTRACIÓN ABRALDES