Saúl López comanda a cita da Copa Galicia en Boiro

LA VOZ OURENSE

BOIRO

CC MACEDA

As júniores Noela Saa e Aida González encabezaron a carreira feminina, a pesar da caída da segunda clasificada

09 dic 2019 . Actualizado ás 17:55 h.

O Academia Postal Abanca Maceda volveu brillar no calendario da Copa Galicia de Ciclocrós, cunha rotunda vitoria absoluta de Saúl López, que se ratifica como líder do certame tras saír airoso en Boiro.

O triunfo do monfortino tivo maior relevo pola presenza do corredor do Burgos BH, Daniel López, que lle acompañou na segunda posición do podio, tras unha carreira que controlou ben Saúl.

Tamén situaron os macedanos a súa representación na carreira Elite feminina, na que Andrea García rematou segunda, cun outro podio de calidade para os seus intereses, situándose entre as mellores do circuíto galego.

Susto

Na categoría júnior feminina, o Maceda fixo dobrete con Noela Saa e Aida González, a pesar da aparatosa caída desta última, que se sobrepuxo para rematar segunda, sen que as súas lesións tivesen maior gravidade, tras o forte golpe.

Tamén chegou o primeiro podio en ciclocrós do júnior Brais Fernández, terceiro, por diante de Marco Nube, sexto. En cadetes, Sarela Conde foi cuarta na proba feminina e Hugo Álvarez, décimo na masculina.