O polígono industrial de Espiñeira contará cun peche perimetral de seguridade

M.G. RIBEIRA

BOIRO

CONCHI PAZ

Concello e Xunta colaborarán na procura de financiamento para executar a actuación

15 oct 2019 . Actualizado ás 15:45 h.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero , Martiño, aproveitou a reunión que mantivo en Santiago co conselleiro de Economía, Francisco Conde, para trasladarlle a preocupación dos empresarios do polígono industrial de Espiñeira con respecto á seguridade. Neste sentido, unha das medidas que se adoptarán será a construción dun peche perimetral ao redor do parque empresarial.

Fuentes municipais indicaron que no encontro se acordou que a execución dun peche perimetral antiincendios que bordee todo o recinto por detrás das naves contribuiría a solucionar as carencias de seguridade. Neste sentido, o seguinte paso será a procura de axudas e o financiamento preciso para a súa construción.

No que respecta á seguridade, Martiño e Conde tamén analizaron a ampliación do sistema de vixilancia con novas cámaras, que se está levando a cabo neste momento xunto coa mellora do viario da segunda fase do polígono de Espiñeira.

Investimento importante

Así mesmo, o alcalde de Boiro e o conselleiro de Economía e Industria tiveron ocasión de abordar novas vías de colaboración entre ambas as Administracións para incidir na dinamización económica do municipio, ademais de analizar as iniciativas que xa se están desenvolvendo no termo boirense no ámbito da formación para o emprego, a dinamización comercial ou a dixitalización do comercio proximidade.

Estas actuacións supoñen un investimento importante por parte da consellería, que destina máis de 900.000 euros a dar apoio a Concello e empresas de Boiro.