Remontada local en Barraña

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Os de Luis Santiago déronlle a volta á tortilla nun choque no que os coruñeses dominaron a primeira parte co contragolpe como receita

13 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Se o espertar do Boiro neste curso tivera como clave a confianza nun proxecto sólido, o duelo de onte ante o Laracha acabou decantándose para os locais da mesma forma. Crendo ata o final (3-2). Os de Luis Santiago protagonizaron unha remontada espectacular, tras a volta de vestiarios, que lles permitiu anular o fútbol de contragolpe co que os coruñeses dominaron o comezo. En definitiva, un belo choque que regalar á memoria do boirista Juan Carlos Matosián, Pibe, ao que tributaron un minuto de silencio.

O certo é que os primeiros momentos do encontro permitiron observar a un Boiro frouxo, incómodo e incapaz de despregar o seu xogo, que contrastou cun Laracha que tivo os seus grandes momentos nas botas de Jony. El foi o autor dos dous golazos que levaron o mesmo envoltorio, senllos disparos vigorosos desde fóra da área cos que parecía que sentenciara o partido a falta dos últimos 45 minutos. Ou iso cría o sector visitante desde a bancada.

Tras o ecuador do choque, Santiago optou por cambiar a unha defensa de tres con Cardeñosa, Cea e Dani Conde de centrais, combinando con dous carrileros nas bandas, Paco e Pablo Vidal. Sumada á colocación de Fran Pena na dianteira da muralla, a aposta foi perfecta e traduciuse nun golazo de Cardeñosa pola escuadra no 52.

Capacidade de sufrir

Coa posesión absoluta ou as ocasións e chegadas boiristas multiplicadas, Saviola coouse na área, ao bordo do 74, para cravala nun man a man co cérbero. No entanto, á afección local non lle valían as táboas, algo que Cea entendeu instantes antes do desconto cun centro desde a banda que aterrou nos pés de Pablo Vidal, para cruzarlla ao porteiro e marcar a pracer.

«Teño que destacar a capacidade de sufrimento do equipo e as súas ganas de gañar», anotou visiblemente orgulloso Luis Santiago, para sinalar que tiveron oportunidades na primeira parte, pero que o marcador acabou reflectindo «un resultado xusto para o que fixo un e outro». Toca seguir crendo neste Boiro.

Goles: 0-1, min 3: Jony; 0-2, min 17: Jony; 1-2, min 52: Cardeñosa; 2-2, min 74: Saviola; 3-2, min 90: Pablo Vidal

Árbitro: Marcos Padín. Amoestou aos locais Changui, Conde e Adrián; e aos visitantes Jony, Geri e Héctor

Incidencias: Municipal de Barraña. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Juan Carlos Matosián

Alberto, Paco, Conde, Cardeñosa, Cea, Adrián (Fran Pena, min 60), Kuman, Elier (Pablo Vidal, min 46), A Maxia (Juanma, min 46), Changui e Saviola

Gabriel, Insua, Héctor, Rivas, Alan, Iago López, Antón Garda (Denis, min 56), Geri, Jony, Ayaso (Jairo, min 56) e André (Losada, min 75)